O Concello de Cuntis convoca unha xunta de portavoces extraordinaria para o día 2 de novembro co obxectivo de tratar as deficiencias e falta de persoal que sofre o centro de saúde.
O goberno local esixe unha mellora da asistencia sanitaria e que se cubra de forma inmediata a ausencia de facultativos. Ademais os veciños están fartos dunha situación que non deixa de repetirse de forma habitual. "É un abandono total da Atención Primaria", denuncia o alcalde, Manuel Campos.
A poboación de Cuntis está a revivir unha situación xa coñecida nos últimos anos: non teñen servizo de pediatría no seu centro de saúde. Trátase dun problema que no ano 2018 chegou a desembocar na convocatoria de concentracións e protestas veciñais. Nesta ocasión, a facultativa que ultimamente atendía a consulta foi trasladada tras o último concurso do Sergas e a praza quedou sen cubrir.
O alcalde, Manuel Campos manifestou que se trata dunha cuestión que se debe resolver "coa maior prontitude" e que lle trasladou ao xerente a necesidade de que se repoña o servizo con celeridade, pois trátase dun "servizo fundamental para os nosos veciños e veciñas".
Polo momento, a atención pediátrica para Cuntis e Moraña estase a centralizar no centro de saúde de Caldas de Reis.