O Concello de Pontevedra vén de anunciar un operativo de mobilidade con motivo dos Campionatos de España de Tríatlon.
Este evento deportivo irá aparellado de importantes cambios na mobilidade a motor na cidade durante as xornadas do sábado, 22 e domingo 23 de xuño.
Entre as afectacións máis salientables está o tramo da avenida de Bos Aires comprendido entre a ponte dos Tirantes e Monte Porreiro que se pechará ao tráfico dende as 09.00 horas do xoves, 20 de xuño, até ás 23.00 horas do domingo 23 de xuño. O acceso dos residentes está previsto pola rúa Ernestina Otero.
As restricións de tráfico tamén obrigan a pechar a liña 1 do transporte urbano no sábado e no domingo, e reforzarase a liña dúas que dobrará a súa frecuencia durante esas dúas xornadas.