A avenida Luis Rocafort xa pertence, de maneira oficial, ao Concello de Sanxenxo

Sanxenxo
09 de xullo 2018

É unha das arterias da vila turística, ao comunicar o paseo de Silgar co centro de Sanxenxo e coa estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308). O Concello e a Deputación Provincial asinaron un convenio para acometer as obras de reforma e cambiar a titularidade deste viario, tal e como publcia este luns o DOG

Inauguración da rúa Luis Rocafort
Inauguración da rúa Luis Rocafort / Deputación Provincial de Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o decreto que admite a titularidade municipal da Avenida Luís  Rocafort. Desta forma, a Deputación Provincial de Pontevedra cede esta vía ao Concello de Sanxenxo. Esta decisión nacía co convenio asinado entre ambas as institucións co obxectivo de transferir a estrada provincial EP-9204 ao concello que goberna Telmo Martín. Nese convenio de abril de 2016 establecíase tamén a urbanización da avenida.

Luís Rocafort é unha das principais arterias da vila turística. Comunica o paseo de Silgar co centro urbano de Sanxenxo e coa estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308). O tramo que cambia de titularidade conta cunha extensión de 590 metros.

Con este cambio, o Concello será o responsable da conservación e mantemento desta vía, que con motivo das obras acometidas provocou tensións entre  Gonzalo Pita, entón alcalde, e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, detonante do cambio de goberno en Sanxenxo.