A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva abstívose de facer unha valoración sobre a baixa por gripe de 11 axentes da Policía Local, que alegaron estar baixo os síntomas desta enfermidade para non participar na súa quenda durante este xoves con motivo da entrada en funcionamento do operativo de tráfico dentro das festas de Nadal.
A concelleira Da Silva evitou relacionar estas baixas co conflito laboral que protagonizan numerosos membros da Policía Local de Pontevedra. Sinalou que aínda carecía do parte de baixas e das xustificacións dos policías que, segundo as fontes que manexa PontevedraViva, estaban certificadas por unha autoridade médica.
"Non recibimos aínda os partes dos turnos nos que se deu esta enfermidade colectiva", explicou. Espera coñecer nas próximas horas "que baixas houbo e que razóns alegaron", para a continuación adoptar, se proceden, as medidas disciplinarias recollidas na normativa para este tipo de supostos.
A responsable de seguridade cidadá apuntou que estas baixas non afectaron o servizo grazas ao esforzo doutros axentes que se incorporaron á actividade, a pesar de que se atopaban no seu tempo libre.