A Brilat lánzase ao monte esta semana para sumarse á campaña contra os incendios

Pontevedra
12 de agosto 2019

Será en cumprimento da operación Centinela Galego, que este ano, por primeira vez nos doce anos que leva en marcha, atrasou o seu inicio ata o mes de agosto. A Consellería de Medio Rural o Ministerio de Defensa xa ratificaron o convenio preciso para facer efectivo este operativo, que ten un orzamento de 469.604,41 euros 

Inicio da operación Centinela Gallego da Brilat e a Armada
Inicio da operación Centinela Gallego da Brilat e a Armada / Mónica Patxot

A Brigada Gaicia VII Brilat volverá estar nos montes galegos a partir do próximo xoves 15 de agosto para reforzar, un ano máis, a vixilancia contra os incendios forestais. Será en cumprimento da operación Centinela Galego, que este ano, por primeira vez nos doce anos que leva en marcha, atrasou o seu inicio ata o mes de agosto.

PontevedraViva xa adiantara que esta operación este ano non empezaría en xullo, como era habitual, senón en agosto. Ata hai escasos dias, nin sequera se asinara o convenio que ratifican anualmente a Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa para facer efectivo este operativo. 

Fontes da Consellería de Medio Rural confirmaron que ese convenio de colaboración xa está asinado e que este xoves 15 empezará a campaña, que durará ata o 30 de setembro.

Ese dia despregaranse un total de 27 patrullas militares terrestres e dous equipos de mantemento móbil para sumarse o dispositivo de loita contra os incendios forestais da Xunta de Galicia no marco desta operación, na que están implicadas a Brilat e a Armada.

A Consellería do Medio Rural financiará o importe dos gastos que se produzan con motivo desta colaboración. O orzamento previsto para o recoñecemento, despregamento, actividade operativa e relevos da unidade das Forzas Armadas é dun total de 469.604,41 euros.

O obxectivo principal desta campaña é implementar a vixilancia e identificación dos potenciais axentes causantes dos lumes forestais, ao tempo que se busca que a propia presenza de medios militares no monte os disuada deste tipo de prácticas delituosas.

O Ministerio de Defensa levará a cabo os despregamentos operativos de patrullas terrestres -neste caso un total de 27 formadas por militares sobre vehículo- durante a campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia. Este despregamento poderá ser en caso de situacións de risco alto ou moi alto, chegar ás 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia.