A Brilat móvese por cinco zonas de adestramento en terreos de Comunidades de Montes a menos de 20 quilómetros da base

Pontevedra
05 de marzo 2020

O xeneral-xefe Luis Cortés Delgado afirmaba que xa están empregando algúns destes espazos para a formación das tropas e lamenta que non están "tan cerca" como lle gustaría aos mandos militares. En todo caso, sinalan que están en contacto con diferentes Comunidades de Montes para pechar acordos

Acto da Inmaculada na base militar da Brilat
Acto da Inmaculada na base militar da Brilat / Diego Torrado

O xeneral-xefe da Brilat Galicia VII Luís Cortés Delgado afirmaba este xoves 5 de marzo que as tropas militares da Base de Figueirido xa están a saír a diferentes zonas de adestramento, dentro da operación de procura de espazos para formación que o máximo responsable da Brilat se marcara como obxectivo na súa chegada a Pontevedra.

"El tema está saliendo a flote", apuntou Cortés Delgado, para indicar que existen cinco zonas a menos de 20 quilómetros na contorna da base 'General Morillo'  en Vilaboa coas que manteñen negociacións. O xeneral-xefe apuntou que algunhas "no se encuentran tan cerca como quisiéramos" pero amosou o seu optimismo pola resposta de varios alcaldes da provincia e pola disposición mostrada polas Comunidades de Montes.

Luís Cortés sinalou que necesitan diferentes espazos que permitan levar a cabo manobras de distinto tipo. "Necesitamos que algunas tengan bosque y otras que no", engadiu. Segundo sinalan desde a  Brilat aínda non están totalmente pechados os acordos e por este motivo non se poden facilitar os puntos de adestramento. Afirman, en todo caso, que as negociacións van por moi bo camiño e, ata o momento, o exército non obtivo ningún reparo para dispoñer destas zonas.

VJTF

O xeneral tamén apuntou que se atopan pendentes da avaliación para a integración dun batallón na Brigada VJTF (Very High Readiness Joint Task Force) da OTAN. 

Avanzou que a finais de maio trasladaranse a San Gregorio, en Zaragoza, para que persoal da Alianza Atlántica confirme que se cumpren os estándares tanto en persoal como en material e procedemento para integrarse na Forza Conxunta de Moi Alta Dispoñibilidade.

XURA DE BANDEIRA PARA PERSOAS CIVILES

Luís Cortés e o subdelegado de Defensa, Ángel de Miguel, anunciaron que o 30 de maio, ás 12.00 horas, con motivo do Día das Forzas Armadas, se realizará unha xura de bandeira civil na avenida de Montero Ríos. 

As persoas interesadas deberán acudir á Subdelegación de Defensa para encher a solicitude para participar neste evento o realizalo a través do seu web.

Desenvolverase a exposición de material militar na Alameda ao redor das 10.00 horas dese mesmo día. Pola tarde, está previsto un concerto das Bandas de Música da  Brilat e da Escola Naval Militar.

CORONAVIRUS

Por último, o xeneral-xefe indicou que na base militar de Figueirido están a seguirse os protocolos que marca o Ministerio de Sanidade, adaptados á vida militar, para evitar a presenza e o posible contaxio de coronavirus. 

No caso de que se detecte algún caso entre a poboación de máis de 2.000 persoas da base, apuntou Cortés Delgado, está previsto que o servizo sanitario do cuartel se poña en contacto cos dispositivos da Sanidade civil para actuar seguindo todas as indicacións que se lles transmitan.

"Tal y como está España, estamos nosotros. Somos una parte más de España", asegurou o representante militar mostrando a súa preocupación ante a expansión do virus do COVID-19.