"A caixa do correo máis grande do mundo" está na residencia de maiores de Campolongo

Pontevedra
23 de decembro 2023

A enorme caixa do correo, de tres metros de alto, estará dispoñible todas as vacacións de Nadal, para botar a carta a Papá Noel e, a partir do luns 25, a dos Reis Magos

Erea e o seu fillo Martín botan a carta a Papá Noel na caixa do correo da residencia de maiores de Campolongo
Erea e o seu fillo Martín botan a carta a Papá Noel na caixa do correo da residencia de maiores de Campolongo / Mónica Patxot

Na residencia de maiores de Campolongo, tras a enorme acollida da súa iniciativa o pasado Nadal na que convidaban a enviar unha carta de felicitación aos seus residentes, volveron sorprender.

Na entrada do centro situado na avenida de María Victoria Moreno, 26 (Pontevedra) loce unha caixa do correo de grandes dimensións, "a máis grande do mundo", segundo pode lerse no lema impreso, cunhas dimensións de 3 x 1,5 metros.

Juan José López, Juanjo, director da residencia de maiores de Campolongo, comenta que "tanto a Consellería como nós estamos empeñados en promocionar unha imaxe distinta do que é, non só as residencias, senón a terceira idade, como unha etapa chea de vida, chea de posibilidades, chea de capacidades de aprendizaxe...".

Coa intención de mostrar "as residencias como lugares de vida", o ano pasado recoñece que "a proposta se foi de nai, e de pedir mil cartas chegaron ao final 26.000".

O obxectivo este ano é máis modesto, tan só queren que os nenos e nenas se acheguen á residencia, "porque cando veñen nenos os sorrisos cambian; o outro día tivemos a 140 nenos de Campolongo que viñeron cantar e ilumínase a casa cos nenos".

Na actualidade, o centro conta con 97 persoas residentes, unha cifra limitada debido a que no mes de xaneiro comezarán as obras de mellora das instalacións. Unha vez rematen estes traballos, o director confirna que se poderán ampliar as prazas ata chegar aos 120 residentes.

FÍO DIRECTO CON PAPÁ NOEL

Juanjo López explica que ten moita familiaridade con Papá Noel, "de feito o meu fillo vive en Finlandia e a través del púxenme en contacto directo con Papá Noel".

Expúxolle o desexo dos residentes do centro de maiores de que viñese máis xente a visitalos, e o propio Papá Noel "díxonos que por que non poñiamos a caixa do correo máis grande do mundo para que os nenos de Pontevedra viñesen aquí e botasen a súa carta e, de paso, se queren, que se dean unha volta e vexan que este é un sitio como calquera outro".

A partir desta charla, contactaron cun artesán local, Pablo Irago, que foi o encargado da construción da impresionante caixa do correo.

Impresa na mesma está a localización do Polo Norte, pois o destino das cartas será a estafeta de correos de Rovaniemi, o lugar de Laponia onde reside Papá Noel, e que está atendida por funcionarios Elfos.

Na visita de PontevedraViva atopámonos a catro xeracións dunha mesma familia participando da maxia que xerou a caixa do correo máis grande do mundo. Erea Ferreiro cóntanos que vén cos seus dous fillos, Martín y Valentina, dende Vigo expresamente para depositar as cartas para Papá Noel. Engade que a súa nai Chari traballa no centro de maiores, e de paso que botaban as cartas tamén a visitaron en compañía da bisavoa Charo.

A caixa do correo continuará dispoñible todas as vacacións de Nadal. "Como temos un convenio tamén cos Reis Magos de Oriente e co Apalpador, a caixa de correos a partir do luns 25 converterase na caixa de correos para os Reis, e o día 4 de xaneiro, que xa non reciben máis cartas os Reis, deixarémolo para o Apalpador", aclara Juanjo López.