A campaña de limpeza de Vaipolorío retira 1.280 quilos de lixo do Gafos

Pontevedra
07 de agosto 2017

Un 80% destes residuos son diferentes plásticos. Unha parte importante corresponde ao que se atopa sedimentado no leito do río desde hai anos, que asoma á superficie con motivo das enchentes que se producen no inverno

Quinta xornada de limpeza de Vaipolorío no río dos Gafos 2016
Quinta xornada de limpeza de Vaipolorío no río dos Gafos 2016 / Diego Torrado

A asociación Vaipolorío fixo balance da 17º campaña de limpeza do río dos Gafos na que se retiraron 1.280 quilos de lixo.

Un 80% destes residuos son diferentes plásticos. Unha parte importante corresponde ao que se atopa sedimentado no leito do río desde hai anos, que asoma á superficie con motivo das enchentes que se producen no inverno.

Foron un total de seis xornadas de traballo nas que colaboraron a Asociación Juan XXIII, voluntarios da Obra Social de Abanca, a Asociación de veciños San Xosé de Campolongo e o Centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán.

A xornada na que máis voluntarios participaron reuníronse 28 persoas para limpar o río, aínda que houbo outras con só 10 ou 12 persoas.

Unha vez máis, non se limpou o tramo de 130 metros que vai desde a Avenida de Josefina Arruti ata a rúa Otero Pedrayo. O motivo é a presenza do asentamento marxinal denunciado reiteradamente por este colectivo.

Dito tramo foi limpado con anterioridade en reiteradas campañas de limpeza desta asociación pero este ano decidiron non actuar "porque de maneira repetitiva volve aparecer ou empeorar a situación de sucidade e restos de materiais de chatarra" manipulados polos residentes nestas infravivendas.

Por outra banda, no tramo urbano que vai da rúa Rosalía de Castro á rúa Xeneral Rubín non ten zona de dominio público polo que un ano máis houbo que retirar as bolsas de lixo utilizando unha corda desde as zonas comunitarias lindantes.

Destacar que á beira da rúa Alcalde Hevia, no carreiro do río, atopouse escondido baixo a vexetación de ribeira un importante vertedoiro de lixo doméstico.