A campaña 'Ningunha crianza sen sorriso' repartirá xoguetes entre máis de 80 menores de Poio

Poio
09 de decembro 2021

O período de entrega de doazóns rematou este xoves e, ao igual que en edicións anteriores, o balanzo é moi positivo

Xoguetes entregados
Xoguetes entregados / Concello de Poio

Un ano máis, a campaña 'Ningunha crianza sen sorriso' resultou todo un éxito, grazas á implicación e á solidariedade da veciñanza.

A iniciativa, impulsada pola Concellería de Benestar Social e Mocidade, ten coma obxectivo recadar xoguetes de segunda man, que se atopen en bo estado, para darlles unha nova vida a modo de agasallo para as familias con menos recursos económicos do municipio. 

Como reza o nome da campaña, o que se busca é que "todas as crianzas de Poio poidan gozar como merecen do Nadal", explica a titular do departamento, a socialista Rosa Fernández.

O período de entrega de doazóns rematou este xoves e, ao igual que en edicións anteriores, o balanzo é moi positivo. Fernández calcula que os xoguetes entregados de forma altruísta pola veciñanza serán repartidos entre máis de 80 menores. 

Unha vez finalizadas as entregas, ao longo dos próximos días procederase ao empaquetado dos agasallos, labor que desenvolve de xeito altruísta Silvia Ramírez, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Samieira, repetindo así a súa implicación ao igual que en edicións anteriores.

Nos vindeiros días o departamento de Servizos Sociais comezará o reparto dos xoguetes.