A Carabuxeira reabre tras completarse a primeira fase de rexeneración

Sanxenxo
18 de xuño 2021

O areal mostra a súa nova imaxe despois de varios meses de traballo para recuperar o seu aspecto. Lavapanos é a próxima praia no que o Concello prevé actuar antes do verán que vén cunha achega de area

Praia da Carabuxeira tras completarse a primeira fase de rehabilitación
Praia da Carabuxeira tras completarse a primeira fase de rehabilitación / Concello de Sanxenxo

Despois de varios meses de traballo e ás portas do verán, a praia da Carabuxeira reabriu este venres unha vez completada a primeira fase do proxecto de rexeneración do areal.

A area depositada permitiu recuperar o perfil da praia urbana protexendo á súa vez os muros das vivendas próximas.

Ademais colocáronse unha serie de tubos xeotéxtiles coa intención de que actúen como dique para impedir a perda de area no futuro.

Nas últimas semanas os traballos centráronse o distribuír con pas escavadoras a area que fora extraída mediante unha draga.

Trátase de todos os xeitos da primeira fase da actuación prevista, xa que no proxecto definitivo súmanse outros 14.000 metros cúbicos de area e inclúese un paseo marítimo de 360 metros entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira que permitirá o tránsito peonil.

Tras esta actuación Lavapanos será o próximo areal no que o Concello prevé actuar antes do verán que vén cunha achega de area, sempre que se valide o informe de compatibilidade de estratexias mariñas que se está tramitando e que Costas dea a súa autorización.