O Concello de Sanxenxo fai público un vídeo para defender a súa xestión na rexeneración da praia da Carabuxeira. Así, a secuencia mostra o estado deste areal o pasado ano e o resultado doce meses despois, "cun aspecto e un volume de area que non tiña desde fai vinte anos".
A administración local cuestiona a negativa de colectivos como Adega e CES por non motivar o seu rexeitamento nin achegar alternativas á recuperación deste areal urbano. "Non é aceptable que estes colectivos atribúanse a exclusividade da defensa dos valores ambientais e trátennos coma se quixésemos arrasar con todo" argumenta, engadindo que este espazo, agora restrinxido, no futuro poderá ser gozado por calquera cidadán.
Doutra parte, refírese ao silencio que está a manter a Plataforma Carabuxeira Xa "tan esixente coas tres administracións que están a impulsar o proxecto - especialmente co Concello -, e que aínda non saíu a defender a actuación que leva moitos anos pedindo".
A actuación, impulsada polo hemiciclo galego, está a ser executada por Costas, Portos de Galicia e Concello de Sanxenxo. Na segunda fase do proxecto, que xa pasou o período de exposición pública, prevese achegar máis area, un dique para evitar a súa perda en caso de temporais ou correntes e a prolongación do paseo marítimo entre Panadeira e Carabuxeira.
O Concello ratifícase na continuidade da actuación, respectando escrupulosamente o procedemento administrativo e os valores ambientais.