O aporte de area á praia da Carabuxeira permitiu protexer as vivendas

Sanxenxo
11 de febreiro 2022

O proxecto  de rexeneración da praia está actualmente pendente de que a Consellería de Medio Ambiente defina se a declaración de impacto ambiental vai seguir o trámite ordinario ou abreviado

Maica Larriba reuniuse con representantes da asociación "Carabuxeira Xa"
Maica Larriba reuniuse con representantes da asociación "Carabuxeira Xa"

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acompañada polo xefe provincial de Costas, Enrique Fernández Menéndez, mantivo este venres unha reunión coa plataforma veciñal "Carabuxeira Xa" na que se trasladou toda a información a disposición da Subdelegación relativa á situación actual do proxecto de rexeneración do areal sanxenxino.

Maica Larriba lembrou que o proxecto que se desenvolveu antes do pasado verán mediante o recheo da praia con cerca de dez mil metros cúbicos de area constituíu unha fase provisional que tivo o obxecto de protexer as vivendas e propiedades privadas próximas en risco de desaparecer pola forza do mar. 

"Esta actuación cumpriu o obxectivo de ofrecer protección ás edificacións próximas e de permitir o desfrute da praia por parte da cidadanía", dixo a subdelegada. Segundo explicou "existían bastantes probabilidades de que o mar levase de novo a area ante a falta dunha barreira que impedise o arrastre do material e así fora informada a propia plataforma nunha xuntanza con Costas".

Por outra banda, Maica Larriba informou á plataforma de que o proxecto mediante o que se construirá o espigón que evitará definitivamente a perda de area, está actualmente pendente de que a Consellería de Medio Ambiente defina se a declaración de impacto ambiental vai seguir o trámite ordinario ou se, pola contra, bastará cunha declaración de impacto ambiental abreviada. 

Nesta liña, explicou que a Dirección Xeral de Costas xa emitiu un documento de alcance no que se realiza unha primeira valoración e se determina que o proxecto, salvo pequenas modificacións no que respecta ao paseo que se proxecta construír ao longo da praia, podería ter o visto bo deste organismo.

En terceiro lugar, a subdelegada do Goberno informou de que nunha recente xuntanza mantida entre a Dirección Provincial de Costas, Portos de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Sanxenxo, se abordou a posibilidade de que, no canto de que Costas teña que conceder permisos anuais para realizar novos aportes de area, este organismo estaría en disposición de ofrecer unha autorización con vixencia durante varios anos antes de que se acometa o proxecto definitivo para a protección da praia e dos edificios colindantes. Isto axilizaría e simplificaría as próximas actuacións de recheo con novos aportes de area.

Maica Larriba agradeceu a cordialidade da plataforma veciñal e púxose á súa disposición para seguir mantendo un contacto estreito ao longo dos procesos de tramitación dos traballos de rexeneración da praia da Carabuxeira.