As praias da Carabuxeira e Lavapanos poderán recibir achegas de area periódicas ata 2025

Sanxenxo
10 de febreiro 2022

A actuación máis relevante do proxecto é o espigón rampla que servirá para evitar definitivamente a perda de area das praias

Praia da Lavapanos
Praia da Lavapanos / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo acolleu este xoves unha reunión do grupo de traballo que forman Portos de Galicia, o Servizo Provincial de Costas e Nauta sobre a rexeneración da praia da Carabuxeira.

Durante o encontro abordouse a situación da tramitación da fase definitiva de recuperación dos areais da Carabuxeira e Lavapanos e as posibles achegas periódicas de area durante un período de 4 anos, previa autorización, dentro dos traballos de mantemento da actuación realizada o ano pasado.

No encontro tamén se tratou o informe emitido pola Dirección Xeral da Costa e o Mar no seo do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada do proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira e Lavapanos e acordouse solicitar a visita dos responsables do órgano estatal a Sanxenxo para que coñezan sobre o terreo o resultado da fase provisional e o ámbito de actuación do proxecto definitivo.

Dito informe, de decembro de 2021, valora e analiza administrativamente as actuacións propostas no proxecto de rexeneración desta praias coa construción dun espigón rampla perpendicular á praia, a achega de area e o paseo marítimo, que como tal, só podería facerse nos 6 metros de servidume de tránsito.

Esta última circunstancia na Carabuxeira, como noutras moitas praias da costa española, non se cumpre pois hai, indica o informe, "edificacións e cerramentos que ocupan os 6 metros da servidume de tránsito" polo que se se decide facer un paseo fixo terá que ser mediante cesións voluntarias ou expropiacións.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora