"Non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente e, por tanto, non se considera necesario sometelo a avaliación de impacto ambiental ordinaria", así expón o informe de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidad e Cambio Climático da Xunta de Galicia a aceptación do proxecto presentado por Nauta Sanxenxo para acometer a recuperación dos areais da Carabuxeira e Lavapanos na vila turística.
Segundo o goberno local de Sanxenxo, o informe no que se consultou a doce organismos foi analizado este martes no seo da comisión de seguimento, organismo no que se atopan representantes de Nauta Sanxenxo, Costas e Portos de Galicia.
O proxecto previsto establece a construción dun dique de contención de area formado por un núcleo de formigón forrado de granito. O seu trazado en planta consiste, segundo as mesmas fontes, en ir unindo as rocas existentes para construílo coa menor cantidade de material exterior.
O espigón ofrecería un ancho de 2,24 metros e unha lonxitude próxima aos 100 metros. Unha vez creado o dique retiraríanse os tubos geotextiles da praia instalados na fase provisional. Con esta actuación repoñeríanse 27.000 metros cúbicos de area tanto na praia da Carabuxeira como en Lavapanos. Na primeira fase xa se achegaron 10.000 metros cúbicos.
Costas, sen opoñerse á construción, demanda no informe que, antes de iniciar a obra, queden xustificadas as posibles vantaxes e inconvenientes da demolición do morro do espigón do porto e a redución da súa dimensión.
Nunha segunda fase melloraríanse os accesos e crearíase un paseo litoral. Neste caso, Costas sinala que actualmente só sería posible un paseo de tipo desmontable ou de carácter fixo en servidume de tránsito xa que "na actualidade está ocupada por diversos peches e edificacións que ocupan seis metros da servidume de tránsito". Descarta, por outra banda, o arranxo de accesos rodados ou escaleiras para acceder á praia.
Para Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo e presidente de Nauta Sanxenxo, este informe supón un "paso importante" na rexeneración das praias.