Nauta Sanxenxo solicita novos movementos de area nas praias da Carabuxeira e Lavapanos

Sanxenxo
08 de marzo 2023

A empresa municipal do Concello de Sanxenxo prosegue coa tramitación do proxecto definitivo para estes arenais que inclúe o dique e o achegamento de 17.000 metros cúbicos de area

Praia da Carabuxeira
Praia da Carabuxeira / Concello de Sanxenxo

A empresa municipal Nauta Sanxenxo tramitou ante a delegación provincial de Costas a autorización para levar a cabo novos movementos de area nas praias da Carabuxeira e Lavapanos, do mesmo xeito que xa se realizou durante o verán de 2022.

Telmo Martín, alcalde do municipio, visitaba os areais este mércores acompañado por representantes da empresa que realiza os traballos de mantemento destes espazos. Alí avaliaron a cantidade de area que se desprazou estes meses co obxectivo de estudar a reposición antes do verán. 

Segundo o goberno local, os prazos que se establezan virán marcados pola idoneidade das mareas para recolocar a area que se atopa nas zonas frontais das praias.

Nauta Sanxenxo mantén a tramitación do proxecto definitivo de rexeneración coa achega de 17.000 metros cúbicos de area e a creación dun dique de contención formado por un núcleo de formigón forrado de granito. 

A intención do goberno local é que este dique permita ir unindo as rocas existentes na zona para rebaixar o seu impacto. O ancho do espigón establécese en 2,24 metros e a lonxitude será ao longo de case cen metros da praia.

Esta actuación supoñerá a retirada dos tubos xeotéxtiles que se instalaron na fase provisional en 2021. A esta intervención sumaríase a reposición de 27.000 metros cúbicos de area nas dúas praias, cantidade da que xa se achegaron 10.000.

A empresa municipal estuda alternativas para mellorar os accesos, despois de que Costas rexeitase o paseo litoral e apostase por un de tipo desmontable ou de carácter fixo en servidume de paso. O goberno local ten intención de comunicar, a través dunha senda, todo o litoral de Sanxenxo.