A Casa das Campás acolle o 'Maratón de creacións dixitais feministas' coas que combater as violencias na rede

Pontevedra
09 de novembro 2023

A Cátedra Feminismos 4.0 promove esta iniciativa cuxos resultados presentaranse o vindeiro xoves no workshop 'Hackeando o patriarcado'

A Casa das Campás acolle o 'Maratón de creacións dixitais feministas'
A Casa das Campás acolle o 'Maratón de creacións dixitais feministas' / Universidade de Vigo

Tres artistas e deseñadoras, formadas na Universidade de Vigo, comparten este xoves unha xornada de traballo conxunto na Casa das Campás, onde se desenvolve o primeiro Maratón de Creacións Dixitais Feministas da Cátedra Feminismos 4.0.

Este maratón é unha das novidades que neste 2023 se incorporan ás actividades desta cátedra impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra.

O seu obxectivo é que permita xerar un conxunto de obras dixitais que poidan empregarse "contra as violencias de xénero nas redes".

Foron seleccionadas tres creadoras de diferentes ámbitos, Raquel Boo, Lupita Hard, Xandra Táboas, que traballan por primeira vez conxuntamente neste proxecto. 

Unha delas é a deseñadora gráfica Raquel Boo Anderson, quen foi fundadora do estudio Ekinocio Comunicación e que tomou parte activa no colectivo Gráficas en negro, que traballa pola perspectiva de xénero no deseño. 

Graduada en Belas Artes e egresada do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, a artista, poeta e deseñadora Lupita Hard é outra das protagonistas deste maratón. O seu traballo esta vinculado ao mundo do grafitti, a arte contemporánea, o animalismo e o feminismo e é coñecida polas súas intervencións no ámbito urbano. 

Por último, este equipo de traballo complétase coa filóloga e artista multidisciplinar Xandra Táboas, graduada en Estudos de Galego e Español pola Universidade de Vigo, quen emprega nas súas creacións elementos como a poesía, a escrita experimental, a instalación, as artes do movemento ou o vídeo e a fotografía. 

Os resultados finais deste maratón presentaranse o vindeiro xoves 16, na Facultade de Comunicación, nunha nova edición do workshop Sociedade dixital e xénero Hackeando o patriarcado da Cátedra Feminismos 4.0.