A caseta de turismo de Montero Ríos xa é historia

Pontevedra
14 de novembro 2016

Dase un paso adiante no proxecto de unificación dos servizos de atención ao visitante da cidade

Retirada da caseta de información turística
Retirada da caseta de información turística / Mónica Patxot

Operarios municipais procederon este luns á retirada da caseta de información turística ubicada na avenida de Montero Ríos. É un paso adiante no proxecto de unificación dos servizos de información e atención ao visitante que hai na cidade e que dependen de tres administracións: Concello, Deputación Provincial e Xunta.

No lugar que estaba a caseta instalarase un panel cunha sinalética que marcará a localización das oficinas de turismo "que agardamos que pronto sexa unha" subliñou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. 

"Non creo que ter catro puntos de información nun radio inferior a un quilómetro sexa prestar un bó servizo" engadiu a concelleira que aposta por aunar recursos e racionalizar a situación.

A Casa da Luz (do Concello), o Palacete das Mendoza (da Deputación) e a Oficina de Turismo da rúa Riestra (da Xunta) seguen polo momento abertos como puntos de información ao visitante.

Desde o goberno aseguran que, pola súa banda, seguirán adiante coa decisión de unificar os puntos de información, independentemente dos trámites que teña que seguir a Deputación para cumprir con este acordo.