A oficina municipal de turismo faise oco no Palacete das Mendoza

Pontevedra
01 de febreiro 2017

Despois a retirada da caseta de información municipal da Alameda e Vialia, este é o seguinte paso cara a unificación dos servizos turísticos da cidade

Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas
Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas / Juan Mejuto

O Concello de Pontevedra está xa a acondicionar o espazo que ocupará a oficina municipal de turismo no Palacete das Mendoza, sede da área de turismo da Deputación.

Após a retirada da caseta de información municipal da Alameda e Vialia, este é o seguinte paso cara a unificación dos servizos turísticos da cidade.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, sinalou que o proceso de unificación da atención turística "xa non ten volta atrás". O protocolo do convenio de colaboración Concello-Deputación está listo para a súa ratificación polos plenos das dúas institucións e posterior sinatura dos seus titulares: Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva.

Queda pendente a incorporación da oficina de turismo da Xunta para unificar dun xeito definitivo os servizos de atención turística de Pontevedra.

Anabel Gulías informou de que no lugar ocupado pola caseta da Alameda instalarase un panel informativo que redireccionará aos visitantes cara o Palacete das Mendoza e que se vai a reforzar a sinalización turística na contorna das estacións do tren e de autobuses de Pontevedra.