A chegada máis solitaria do Juan Sebastián Elcano a Marín: será o domingo e sen público

Marín
08 de abril 2020

Cada ano, coa súa chegada, organízase un acto público no que as familias dos cadetes que terminan o seu Cruceiro de Instrución van recibilos e prodúcese unha gran sucesión de bicos, abrazos e mostras de agarimo, pero a pandemia do coronavirus non permitirá que a imaxe se repita este 2020  

Chegada do buque escola "Juan Sebastián de Elcano" a Marín en 2016
Chegada do buque escola "Juan Sebastián de Elcano" a Marín en 2016 / Mónica Patxot

O buque escola da Armada Española, o Juan Sebastián de Elcano, atracará o vindeiro domingo 12 de abril en Marín. O evento é xa ben coñecido na localidade, pero este ano será moi diferente, pois cada ano, coa súa chegada, organízase un gran acto público no que as familias e amigos dos cadetes que terminan o seu Cruceiro de Instrución van recibilos e prodúcese unha gran sucesión de bicos, abrazos e mostras de agarimo, pero a pandemia do coronavirus non permitirá este ano que a imaxe se repita. 

Nesta ocasión, o buque escola atracará no Peirao de  Torpedos da Escola Naval Militar como fin o seu XCII Cruceiro de Instrución e as restricións do estado de alarma non permitirán nin que haxa unha recibida multitudinaria nin sequera que acudan os máis achegados a darlles o tan esperado abrazo de benvida. 

Segundo deu a coñecer a Escola Naval, nesta ocasión, o buque será recibido unicamente polo comandante-director da Escola e non se celebrará ningún acto institucional nin xornadas de portas abertas.

O buque partirá ese mesmo día cara á súa base na baía de Cádiz

Por outra banda, os alumnos, unha vez finalizado o cruceiro, continuarán cos seus estudos en liña, igual que o resto de alumnos da Escola Naval Militar.