VÍDEO.- O Juan Sebastián Elcano suca a ría madrugador e solitario

Marín
12 de abril 2020
Actualizado: 12:41

Un mar en calma recibiu este Domingo de Pascua ao buque escola da Armada Española. Tras chegar na noite do sábado a Sanxenxo, este domingo sucou a ría para chegar á Escola Naval de Marín, onde puxo fin ao XCII Cruceiro de Instrución 

Chegada do Juan Sebastián Elcano a Marín / Diego Torrado

Un mar en calma recibiu este Domingo de Pascua ao buque escola da Armada Española, o Juan Sebastián de Elcano, en Marín. Tras chegar na noite do sábado a Sanxenxo, este domingo sucou a ría madrugador e solitario para chegar á Escola Naval de Marín, onde puxo fin ao XCII Cruceiro de Instrución.

As restricións do estado de alarma non permitiron este ano que se celebre a habitual benvida multitudinaria de familiares e amigos dos cadetes que terminan o cruceiro de instrución e un breve acto de recibimento do comandante-director da Escola Naval substituíu ás efusivas mostras de agarimo que adoitan recibir os alumnos.

Foi moi cedo. Custodiado pola Garda Civil do Mar, ás oito en punto o buque xa estaba a atracar no Peirao de Torpedos da Escola Naval Militar. A partir de aí, o breve acto de benvida estivo seguido do desembarque dos cadetes e a preparación do buque para a súa próxima viaxe. Este mesmo domingo deixará Marín con rumbo á súa base na baía de Cádiz

O 92 cruceiro de instrución pechou este domingo máis de cinco meses de formación que os cadetes comezaron o pasado 3 de novembro coa súa saída da base naval de San Fernando (Cádiz).

Tras unha parada nas Palmas, cruzou o Atlántico e sucou os mares de distintos países, atracando nos portos de Río de Janeiro, Bos Aires, Mar de Prata, Montevideo, Recife, Curazao, Santo Domingo e Miami. En Bos Aires pasou Noiteboa e Nadal e en Mar de Prata deu a benvida ao ano 2020.

Con este percorrido, que se repetirá no próximo cruceiro de instrución, o Juan Sebastián de Elcano busca facer unha homenaxe ao 500 aniversario da primeira volta ao mundo, protagonizada por Magallanes e Elcano, visitando os portos atlánticos aos que chegou a expedición. A intención é, ademais, tratar de facelo en datas coincidentes.

A partir de agora, continuarán cos seus estudos en liña, igual que o resto de alumnos da Escola Naval Militar.