A Confraría da nosa Nai da Maior Dor finalmente viuse obrigada a suspender a procesión prevista para este Mércores Santo dentro das actividades organizadas pola Xunta Coordinadora da Semana Santa pontevedresa. As previsións de Meteogalicia xa anunciaban para esta xornada precipitacións abundantes tanto durante a tarde como ao longo da noite.
Desta forma, Ramón Péon, coordinador da Semana Santa en Pontevedra anunciaba a decisión xa que a choiva podería danar as imaxes que estaba previsto que saísen ás 21.00 horas nesta procesión da Santísima Virxe da Soidade e do Xesús Nazareno coa Cruz ao lombo.
A Coordinadora da Semana Santa mantivo a convocatoria da procesión ata poucos minutos antes das 21.00 horas, hora prevista para a saída da procesión, pero finalmente tomouse a decisión de suspendela.
Tamén o servizo do 112 Galicia alerta desta situación con precipitacións en toda Gaicia e reclama que se extremen as precaucións á hora de coller o volante ao longo das próximas horas.
As previsións tampouco son optimistas para este Xoves Santo. Meteogalicia anuncia chuvascos de carácter tomentoso na contorna das Rías Baixas, máis probables e xeneralizados durante a tarde. Esta situación fará perigar a celebración da sempre concorrida Procesión dos Pasos. Está previsto, se o tempo o permite, que parta ás 20.00 horas da Basílica de Santa María e participarán as confrarías da nosa Nai da Maior Dor, a da nosa Señora do Amor Fermoso, a do Silencio, a do Corpo Santo, a Confraría do Espírito Santo, a do noso Pai Jesús coa Cruz ao lombo e a da Vera-Cruz e Misericordia.
PontevedraViva manterá informados puntualmente aos seus lectores no caso de que a organización decida suspender este acto relixioso con percorrido polo centro histórico.