Sete confrarías acompañan a procesión do Santo Enterro

Pontevedra
19 de abril 2019

A comitiva partía ás 20.00 horas da Basílica de Santa María neste acto relixioso e turístico que foi seguido por numeroso público polas rúas do centro histórico de Pontevedra. Trátase da máis institucional ao participaren diversas autoridades políticas, ademais de representantes militares

Procesión do Santo Enterro
Procesión do Santo Enterro / Diego Torrado

A Cruz Parroquial abría a comitiva da procesión xeral do Santo Enterro, unha das principais citas da Semana Santa pontevedresa. Tras ela, a imaxe do Calvario, para a continuación aparecer os integrantes da confraría do  Corpo Santo acompañando ao Cristo crucificado. A imaxe da nosa Señora do Amor Fermoso e a Verónica, da confraría do mesmo nome desfilaba a continuación, seguida pola confraría da Maior Dor coa imaxe da súa Virxe.

Os confrades do Silencio acompañando á imaxe da nosa Señora das Angustias continuaba o séquito, que abría o paso á figura do Cristo xacente, da confraría do noso Pai Xesús coa Cruz ao lombo. A Virxe da Misericordia da confraría da Vera-Cruz finalizaba o paso das imaxes para, a continuación, aparecer o Lignum Crucis cos representantes do clero, os cargos militares e as autoridades políticas.

Numeroso público, aproveitando a temperatura agradable da velada acudía a ver esta procesión que comezaba na avenida de Santa María para percorrer a Riestra, Oliva, Peregrina, Soportais da Ferrería e Manuel Quiroga ata recollerse en Santa María.

Este sábado, ás 18.00 horas, desenvolverase a representación de 'Resurrección', a cargo do grupo Arume no Teatro Principal, a beneficio de Cáritas Interparroquial.