A cidade francesa de La Rochelle tamén se interesa polo modelo pontevedrés

Pontevedra
08 de setembro 2021

O concelleiro César Mosquera mantiña un encontro telemático con Olivier Prentout, concelleiro de Mobilidade en La Rochelle, unha localidade francesa que ten case a mesma poboación que Pontevedra e que se interesou polo modelo de cidade tras as moitas publicacións en medios internacionais

Encontro de César Mosquera co concelleiro de Mobilidade en La Rochelle
Encontro de César Mosquera co concelleiro de Mobilidade en La Rochelle / Concello de Pontevedra

Cunha tradición histórica importante e unha poboación de preto de 80 mil habitantes, La Rochelle, en Francia, é unha cidade que garda certas semellanzas con Pontevedra.

Precisamente desde esta localidade, capital do departamento de Charente Marítimo, amosaron o seu interese por coñecer o modelo urbano de Pontevedra, que xa é un referente internacional.

Deste xeito, este martes o concelleiro César Mosquera mantiña un encontro telemático con Olivier Prentout, concelleiro de Mobilidade en La Rochelle.

Segundo indican fontes municipais, tratouse dunha conversa amable, onde César Mosquera, en representación do Concello de Pontevedra, achegou a experiencia obtida ao longo das dúas últimas décadas no que se refire a transformación urbana e mobilidade.

Pola súa banda, o representante da cidade gala confesou que se fixara na Boa Vila logo das múltiples reportaxes internacionais que foron aparecendo, en especial en medios franceses.

En La Rochelle están focalizando os seus esforzos nunha mellora da súa cidade, procurando dar un salto cualitativo. Despois de compartir diversas ideas, Prentout manifestou o seu interese en coñecer Pontevedra en persoa e así poder comprobar o conseguido, ofrecendo tamén unha invitación á inversa.