A cidade polaca de Poznan mira cara Pontevedra para mudar o seu deseño urbano

Pontevedra
05 de novembro 2020

Pontevedra, xunto con outras cidades como Viena, Oslo ou Amsterdam, foi obxecto de estudio no IV Foro de Desenvolvemento da Cidade que organizou o municipio de Poznan (Polonia). O evento tiña o propósito de crear un espazo de intercambio de coñecementos e de boas prácticas

Intervención do alcalde no IV Foro de Desenvolvemento da cidade de Poznan Concello de Pontevedra

Pontevedra, xunto con outras cidades como Viena, Oslo ou Amsterdam, foi obxecto de estudio no IV Foro de Desenvolvemento da Cidade que organizou o municipio de Poznan (Polonia).

O foro, no que participou o alcalde pontevedrés de xeito telemático, buscaba ser un espazo de diálogo entre residentes da localidade, o goberno local, os científicos e os participantes co propósito de crear un espazo de intercambio de coñecementos e de boas prácticas.

Poznan convidou a Pontevedra pola transformación da cidade e a raíz de acadar o primeiro premio da Unión Europea de Seguridade Viaria Urbana e decidiu estender o convite ao alcalde para falar sobre a súa política e solucións no ámbito dunha cidade segura e sen accidentes.

Miguel Anxo Fernández Lores, durante una conferencia de 20 minutos, ofreceu o seu enfoque sobre unha cidade "deseñada para as persoas" como a de Pontevedra, detallando a transformación urbana que experimentou nas últimas dúas décadas.

Xunto con esta intervención, desde a cidade de Poznan pediron permiso para reproducir o Metrominuto como un dos exemplos de boas prácticas do deseño pensado para o espazo público. Foi para o seu Festival de Deseño, dentro da exposición "Deseñando xuntos a cidade".

Tratouse dunha exposición que, segundo recolle o propio festival, compilaba exemplos de produtos, mobiliario urbano e estratexias urbanísticas implementadas nos últimos anos.