A CIG demanda ao goberno de Sánchez un sistema público de pensións de garantía

Pontevedra
28 de xuño 2018

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da central nacionalista concentrábase este xoves ante a Subdelegación do Goberno pedindo ao novo executivo a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013  

Concentración de persoas xubiladas e pensionistas da CIG
Concentración de persoas xubiladas e pensionistas da CIG / Mónica Patxot

Só queren unha vida digna e entenden que o mellor camiño para conseguilo é defender un sistema público de pensións que evite ás persoas xubiladas e pensionistas pasar por situacións económicas complicadas. Con este propósito, un grupo de representantes da central nacionalista CIG concentrábase este xoves ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra, do mesmo xeito que sucedía no resto de capitais galegas.

A través de consignas como "Goberno escoita, seguimos en loita", os manifestantes queren lanzar unha chamada de atención ao novo goberno do socialista Pedro Sánchez para que leve a cabo a derrogación das reformas das pensións executadas en 2011 e 2013. 

Desde o sindicato sinalan que as pensións de Galicia son as máis baixas de todo o Estado, ata o punto de que case o 60% delas atópase por baixo do salario mínimo interprofesional. Segundo os datos que manexa a agrupación nacionalista, a pensión media atópase máis de 15 puntos por baixo da media do Estado.

A situación agrávase aínda máis no caso das mulleres, que adoitan contar cunha vida laboral máis precaria e con lagoas nas cotizacións. Desta forma, 1 de cada 4 galegas maiores de 65 anos atópase por baixo do baremo de pobreza.

Por iso, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG lembra ao goberno central a necesidade de crear emprego estable, en condicións dignas e con salarios xustos para, desta maneira, dotar de recursos suficientes ao sistema de pensións para que se estableza como un instrumento social forte.