A CIG discrepa coa negociación "por chiringuitos" que o goberno de Lores promove co persoal no Concello

Pontevedra
05 de setembro 2018

A central nacionalista, co secretario comarcal Marcos Conde á cabeza, alerta de que o proceso de tramitación da Relación de Postos de Traballo (RPT) non pode dilatarse máis no tempo e reclaman unha valoración axeitada das funcións. Os representantes sindicais non entenden como persoal de oficina conta cun plus de perigosidade mentres que funcionarios que traballan na rúa non

Rolda de prensa da CIG pola negociación da Relación de Postos de Traballo no Concello de Pontevedra
Rolda de prensa da CIG pola negociación da Relación de Postos de Traballo no Concello de Pontevedra / PontevedraViva

Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, manifestaba este mércores que non está dacordo coa maneira en que se está a levar a cabo a negociación no Concello de Pontevedra entre o goberno local e os representantes sindicais para tramitar a Relación de Postos de Traballo (RPT).

Acompañado, entre outros representantes sindicais, por Dina Porral, responsable de Administración da central nacionalista e por José Manuel Duarte, delegado na Policía Local, Marcos Conde afirmou que a CIG discrepa da negociación "en despachos ou por chiringuitos" que está asumindo o concelleiro responsable de persoal, Vicente Legísima. Neste sentido, o secretario comarcal invitou o goberno local que lidera Miguel Anxo Fernández Lores a negociar nas mesas a través de maiorías.

Neste sentido, tamén criticou a actitude doutras forzas sindicais (Comisións Obreiras) na negociación sinalando que a CIG non quere que a mesa se convirta nun "arma política para meter navalladas".

José Manuel Duarte explicou que os funcionarios están moi crispados por esta negociación, que xa se alonga desde hai dous anos. Sinala que o documento elaborado por unha empresa para a negociación da RPT non contempla de maneira axeitada as ponderacións e as funcións do persoal. Desta forma, denuncian que un traballador de oficina conta cun plus de perigosidade ao contrario que persoal que traballa na rúa. Neste sentido, os sindicalistas apuntan que queren que se realice unha valoración obxectiva dos postos. "A finalidade da RPT non é unicamente económica", afirma o delegado nacionalista na Policía Local.

O último encontro entre o Concello e os representantes sindicais levouse a cabo a primeiros de agosto. Aínda carecen dunha data para unha nova xuntanza e lembran que urxe que se negocie unha solución. "Isto hai que acabalo xa, senón hai que deixalo", afirma Duarte que alerta de que dentro de oito meses haberá eleccións municipais.

EXPLICACIÓNS DE LORES

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalaba nun encontro coa prensa que o grupo de goberno segue a negociar para chegar a un acordo sobre a RPT do persoal, pero afirma que se non se acadou non é por temas sindicais nin laborais senón políticos.

Sinalou que o goberno municipal quere "compensar en parte" o poder adquisitivo que os funcionarios perderon nos últimos anos, pero recorda que teñen que ser "responsables" cos cartos dos veciños de Pontevedra.

Fernández Lores entende que non se pode pedir un aumento dun 20% do salario nalgunhas áreas municipais cando os sindicatos asinan convenios coa Xunta de Galicia de subidas de só 50 euros ao mes para os profesores dos centros educativos.