A CIG propón que Galicia teña unha tarifa eléctrica máis barata que a española

Pontevedra
21 de agosto 2015

Galicia é excedentaria en produción de enerxía, non obstante este feito non ten ningunha contraprestación nin repercusión positiva, "máis ben ao contrario, padecemos as consecuencias ambientais e por enriba obrígasenos a ser solidarios para manter o sistema eléctrico pagando os sobrecostes do transporte"

Xabier Aboi e Marcos Conde
Xabier Aboi e Marcos Conde / Mónica Patxot

"É o noso petróleo e é limpo", aseguraba o voceiro do sindicato CIG, Xabier Aboi durante a rolda de prensa na que, xunto ao secretario comarcal, Marcos Conde, anunciaron o inicio da campaña que a central nacionalista pon en marcha a recollida de firmas para sacar adiante a súa Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa que pretenden que Galicia teña unha tarifa eléctrica máis baixa que o resto de España.

Os galegos "achegamos moito máis do que o sistema nos devolve"

Galicia é excedentaria en produción de enerxía, non obstante este feito non ten ningunha contraprestación nin repercusión positiva, "máis ben ao contrario, padecemos as consecuencias ambientais e por enriba obrígasenos a ser solidarios para manter o sistema eléctrico pagando os sobrecostes do transporte". É dicir, os galegos "achegamos moito máis do que o sistema nos devolve".

Marcos Conde destacou que a ILP ten "grande importancia para a creación de emprego en Galicia" como revelaron as grandes empresas consumidoras de enerxía eléctrica que alertaron dun problema no mantemento dos postos de traballo co sistema actual.

Segundo explicou Marcos Conde unha tarifa reducida en Galicia faría máis competitivas ás empresas radicadas neste territorio e redundaría positivamente en toda a cidadanía, especialmente nos "máis de 100.000 fogares con pobreza enerxética", o que significa que teñen "dificultades para pagar o recibo" e non son capaces de manter unhas "condicións mínimas de habitabilidade".

Ademais da recollida de firmas, nos próximos días os responsables do sindicato CIG reuniranse cos voceiros dos gobernos locais da bisbarra para que aproben nos seus respectivos concellos mocións de apoio a esta iniciativa ademais de promover asembleas nos distintos centros de traballo para concienciar neste sentido.