Con motivo da celebración do Día da Clase Obreira Galega, delegados sindicais da CIG, acompañados por representantes de Galiza Nova, levaron a cabo unha manifestación desde a praza da Ferrería ata a Subdelegación do Goberno de Pontevedra baixo o lema "Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!".
O secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, dirixiuse aos afiliados na Subdelegación do Goberno indicando que as reformas desenvolvidas polo Partido Popular levaron á precarización das condicións laborais para favorecer o incremento de beneficios para as empresas.
Tamén denunciou a aplicación da coñecida como Lei Mordaza para impedir os movementos sociais de contestación ás políticas do goberno. Por este motivo, desde a CIG piden ao novo goberno que chegue á Moncloa a derrogación destas leis.
Ademais, Marcos Conde incidiu na necesidade de que as negociacións dos convenios colectivos se leven a cabo en Galicia e non en Madrid.