A CIG toma as rúas de Pontevedra para demandar "unha saída galega xusta da crise"

Pontevedra
01 de maio 2021

A central nacionalista considera que é imprescindible derrogar unha serie de reformas, comezando pola laboral e seguindo pola negociación colectiva, a das pensións, a das prestacións por desemprego ou todas aquelas que supuxeron o desmantelamento dos servizos públicos que, seguen en vigor e que, ao seu xuízo, están sendo utilizadas para enfrontar a crise

Manifestación da CIG no Primeiro de Maio
Manifestación da CIG no Primeiro de Maio / Cristina Saiz

A CIG tomou as rúas de Pontevedra para conmemorar este ano o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, baixo o lema "Por unha saída galega xusta da crise".

"En defensa do emprego no sector financeiro", "Na defensa da Sanidade Pública. Non á privatización", "Loitemos por unhas pensións públicas dignas", "Por un sistema público galego de atención ás persoas", "Contra a precariedade, traballo digno para a mocidade" de Galiza Nova. Tamén "Traballadores de Viaqua por un convenio xusto", e a Sección sindical de CIG en Ence levaba unha faixa co lema "Pola garantía e futuro dos nosos postos de traballo".

Entre os participantes estaban os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral, respectivamente así como membros das corporacións destes municipios e representantes do BNG, coma o deputado Luis Bará.

A central nacionalista considera que é imprescindible derrogar unha serie de reformas, comezando pola laboral e seguindo pola negociación colectiva, a das pensións, a das prestacións por desemprego ou todas aquelas que supuxeron "o desmantelamento dos servizos públicos" que, seguen en vigor e que, ao seu xuízo, están sendo utilizadas para enfrontar a crise.

Coa súa manifestación a CIG denunciou que estas reformas están tendo graves consecuencias para a clase traballadora galega.

Nas mensaxes da convocatoria deste 1 de Maio tamén advertiron dun novo ataque ao sistema público de pensións ou que a débeda pública xerada polas axudas que vai recibir España da Unión Euorpea pode tornar en recortes dos servizos públicos.

A CIG avoga por un plan de recuperación económica, social e industrial que xere emprego e dignifique as condicións laborais e de vida dos galegos.

Na rúa tamén denunciaron neste Primeiro de Maio que o goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos "siga actuando ao ditado destas políticas neoliberais nacidas da crise de 2008" e rexeitaron o abandono do Estado aos traballadores que tiñan contratos temporais.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) tamén responsabilizou ao goberno de Alberto Núñez Feijóo de "contribuír de forma decidida ao proceso de destrución dos nosos sectores produtivos e dos nosos sectores industriais e empresas estratéxicas". Por iso acusaron ao presidente da Xunta de aplicar unha "política suicida" e cuestionaron os fondos Next Generation pola súa "opacidade" e porque "son un auténtico festín para os fondos de investimento".

A CIG tamén aproveitou esta data para sinalar que se está dando "unha feminización da precariedade e da pobreza como nunca antes", porque os sectores máis feminizados, entre os que salientou hostalería e comercio, son dos máis afectados.