O colectivo de persoas xubiladas da CIG protesta contra a reforma das pensións

Pontevedra
01 de xullo 2021

Desde o sindicato nacionalista consideran que a reforma que os sindicatos estatais e a patronal pactaron co Goberno central suporá un empobrecemento xeralizado das contías que percibirán as persoas xubiladas e pensionistas

Protesta da CIG contra a reforma das pensións que pacta o Goberno coa patronal e os sindicatos estatais
Protesta da CIG contra a reforma das pensións que pacta o Goberno coa patronal e os sindicatos estatais / Mónica Patxot

Afirman que é a primeira da nova fase de protestas que se realizarán nas rúas contra a reforma das pensións. Así se manifestan desde o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG cando este xoves concentrábanse na praza da Peregrina para manifestar o seu desacordo co pacto entre o Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais. 

Desde o sindicato nacionalista consideran que este acordo supoñerá un empobrecemento xeneralizado das contías que recibirán as persoas que reciben pensións. Por este motivo, a protesta insiste en reclamar prestacións dignas e garantidas.

Alertan de que o acordo alcanzado mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, ademais de suprimir a práctica da modalidade de xubilación parcial. A negociación entre Goberno, patronal e sindicatos estatais continuará nos próximos meses e a CIG teme que se reducirán dereitos para cumprir coas esixencias da Unión Europea para acceder aos fondos de reconstrución denominados Next Generation.

Desde o Colectivo afirman que a reforma é "insuficiente" e mesmo "regresiva" porque seguirá en vigor a reforma de 2011 que provocou a caída das contías das pensións en ao redor dun 25%, coa ampliación progresiva da idade de xubilación aos 67 anos e do período de cálculo que pasou dos 15 aos 25 anos.