No porto deportivo de Sanxenxo, as obras da primeira fase de 'Batea en Terra' avanzan segundo os prazos e non se prevé superar os cinco meses de execución dos traballos.
Tras as instalacións subterráneas, a obra céntrase agora na cimentación e alzado dos muros de contención.
En aproximadamente quince días comezará a pavimentación do espazo con laxas de granito que se empregarán para cubrir a superficie e tamén para os bancos. A cor da pedra foi elixido tras a proba de máis de 10 mostras diferentes.
O elemento central desta primeira fase será a creación dun noiro axardinado que substituirá as anteriores bancadas-escaleiras que comunicará a Praza dos Barcos e a Praza do Mar. O deseño da plantación inspírase en paisaxes de costa que salpican o litoral e se intercalan entre as zonas urbanas e os areais das Rías Baixas.
Optouse por introducir especies autóctonas propias da comunidade pola súa resistencia aos ventos, a salinidade e o seu baixo consumo de auga. Precisamente, con este obxectivo serán retiradas as seis palmeiras que se sitúan na Praza dos Barcos. Tras consultalo con especialistas en arboricultura, serán trasplantadas á zona verde situada enfronte do Pazo de Emilia Pardo Bazán e será esta firma especializada a que se encargue de facelo nos próximos días.
Un dos piares base no desenvolvemento da infraestrutura verde é o uso, a selección e a xestión sostible da vexetación na planificación urbana. Neste caso seleccionáronse plantas autóctonas ou adaptadas a condicións adversas (baixas necesidades hídricas, resistencia á salinidade) o que conleva unha diminución nos custos de mantemento do espazo en base á redución das achegas hídricas, pódalas e os tratamentos fitosanitarios. De feito, só necesitarán rega o primeiro ano e medio desde a súa plantación.
O obxectivo é a creación dun auténtico pulmón verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano.
En canto ao xardín que xerará unha continuidade topográfica como un elemento charnela entre a Praza dos Barcos, o Paseo de Silgar, o Paseo dous barcos, o dique e os portos pesqueiro e deportivo. Mantense un acceso rodado ao porto pesqueiro polo exterior da praza, con carácter restrinxido. O aparcamento mantén as prazas actuais. Mantéñense todos os locais comerciais en concesión, sen intervención ningunha, axustando para iso a pendente do xardín.
A intervención desta fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de sinalética.