As inmediacións do Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo empezan a deixar ver a que será a súa nova cara, coas obras de construción dunha rampla axardinada.
Esta actuación, prevista na primeira fase do proxecto Batea en Terra, recibiu xa o depósito dos primeiros 1.279 metros cúbicos de terra vexetal que se estenderán ao longo dos 5.259 metros cadrados da área de actuación.
O resultado da obra, sinala o goberno local, dará lugar a un novo espazo verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas con especies autóctonas e diferentes momentos de floración que permitirán unha variación cromática ao longo do ano.
O xardín supoñerá ademais unha mellora de accesibilidade á planta superior da Praza do Mar.
A intervención desta primeira fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de sinalización.
María Fandiño, gañadora do Premio Arquitectura 2021 na categoría de "Sustentabilidade e Saúde. Valores universais" do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España, é a encargada do deseño do novo xardín, da selección das especies arbóreas e dos tempos de plantación.