A comisión do PXOM vólveselle en contra ao PP

Pontevedra
31 de marzo 2016

Desde hoxe, para o PSdeG-PSOE, o PP é "cómplice" do BNG de que Pontevedra careza dunha novo PXOM. Esa afirmación de Iván Puentes, compartida pola concelleira de Cidadáns, María Rey, é unha mostra do malestar que causou na oposición a negativa da secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, a acudir á comisión de estudo do PXOM para explicar a posición da Xunta con respecto ao plan pontevedrés

Reunión da comisión especial do PXOM
Reunión da comisión especial do PXOM / Mónica Patxot

Desde hoxe, para o PSdeG-PSOE, o PP é "cómplice" do BNG de que Pontevedra careza dunha novo PXOM. Esa afirmación de Iván Puentes, compartida pola concelleira de Cidadáns, María Rey, é unha mostra do malestar que causou na oposición a negativa da secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, a acudir á comisión de estudo do PXOM para explicar a posición da Xunta con respecto ao plan pontevedrés.

Nunha carta remitida a María Rey como presidenta da comisión, Encarnación Rivas desculpa a súa ausencia ao entender que "non procede a intromisión da administración autonómica nunha comisión municipal". Sinala ademais que non teñen "constancia" de novas actuacións relativas ao PXOM de Pontevedra e, a pesar diso, mantén a súa vontade de "colaboración" e ofrece a "dispoñibilidade" dos técnicos autonómicos para "apoiar e asesorar" ao Concello.

Esta resposta do goberno galego é "lo mismo que nada", segundo a edil de Cidadáns, "igual que la postura del Concello" sobre o PXOM, polo que conclúe que "ni PP ni BNG tienen interés" en sacar adiante o novo plan para a cidade do Lérez.

Ademais, Rey considera que sendo Encarnación Rivas funcionaria do Concello de Pontevedra en excedencia "deberían preocuparle más" os asuntos urbanísticos relativos á cidade e critica que non acuda á comisión para explicar o punto de vista da Xunta sobre por que o PXOM pontevedrés "sigue en el cajón", sobre todo cando desde o goberno municipal "cúlpase á Xunta desta parálise".

O edil socialista, pola súa banda, entende que esta negativa demostra que o PP de Pontevedra "non pinta nada en Galicia" e que os populares só apostaron pola creación desta comisión para "desgastar" ao goberno municipal e, sabendo da negativa do BNG para aprobalo, ter a "coartada perfecta" para que a Xunta de Galicia non asuma investimentos que resolvan "necesidades perentorias" de Pontevedra.

"A Xunta ten que vir, dar a cara e explicar se son certos estes atrancos", reiterou Iván Puentes, xa que asegura que non só ao BNG "le beneficia" manter parado o novo PXOM, senón que o PP "tampouco está interesado en sacalo adiante".

Ante a negativa da secretaria xeral de Urbanismo, a comisión acordou convocar a unha próxima reunión á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato.

O BNG tamén se sumou a estas críticas, aínda que con matices. Carme da Silva sinalou que é "lamentable" que sendo a Xunta unha parte "fundamental" da ordenación urbanística en Galicia non asuma a súa "responsabilidade" nesta materia e, no caso de Pontevedra, asegurou que deixa "en evidencia" aos populares pontevedreses ao ser Jacobo Moreira deputado no Parlamento e Alfonso Rueda vicepresidente da Xunta.

Pero a edil de Urbanismo insistiu en que "tal e como está o marco normativo" a aprobación dun novo PXOM deixaría a situación urbanística de Pontevedra "en peor situación" que na actualidade e con numerosas dúbidas relativas á súa legalidade, como está a pasar Vigo, Ourense ou Lugo. "Vai a empeorar o que temos", explicou DA Silva.

O PP DEFENDE Á XUNTA

Desde o Partido Popular, o concelleiro César Abal defendeu que "damos por buenas" as explicacións da responsable de Urbanismo na Xunta para non acudir á comisión do PXOM de Pontevedra e destacou que "o importante" da comunicación coa que Encarnación Rivas escusa a súa ausencia é que o goberno galego mantén a súa oferta de colaboración para desatascar o novo plan.

O edil popular volveu a insistir na necesidade de abandonar os "debates filosóficos" e empezar a traballar na redacción dun novo documento e instou ao BNG para "tomarse en serio" o PXOM e que "deixen de buscar trabas" para que non salga adiante.