A compostaxe chega a 65 novos fogares de Vilaboa e Cambados a través de Sogama

Vilaboa
11 de outubro 2017

Os novos composteiros son de 350 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Entregaranse a vivendas que cumpran o requisito de ser unifamiliares e ter horta, xardín ou terras de cultivo nas que aplicar o compost resultante, que polo xeral goza dunha boa calidade  

Compostaxe Sogama

Sogama acaba de responder á solicitude realizada polos concellos pontevedreses de Vilaboa e Cambados e entregoulles un total de 65 novos composteiros, de tal maneira que xa suman entre os dous municipios 230 fogares con estes recipientes

Os novos composteiros son de 350 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Entregaranse a vivendas que cumpran o requisito de ser unifamiliares e ter horta, xardín ou terras de cultivo nas que aplicar o compost resultante, que polo xeral goza dunha boa calidade.

Con esta ampliación de recipientes, Vilaboa e Cambados pretenden dar un paso máis no ámbito da autocompostaxe e contar cun maior número de fogares incorporados a este proxecto co fin de alcanzar os seus beneficios.

Á redución da frecuencia de recollida e transporte do lixo, engadiríase a diminución do importe da factura a pagar a Sogama, como consecuencia da entrega de menos cantidade de residuos xenéricos, así como a recuperación dunha tradición no rural galego e que agora aflora polas bondades ecolóxicas asociadas á reciclaxe da materia orgánica en orixe, que supón ao redor do 42% do total do lixo producido nos fogares.

Para axudar aos usuarios no seu labor, Sogama conta cun sitio web no que os interesados poden complementar os seus coñecementos. O seguimento do programa, que leva aparellado visitas porta a porta, recae no persoal dos propios concellos, encargado de comprobar a técnica aplicada polos veciños, solventar as dúbidas formuladas e corrixir posibles erros ou desviacións.