Un total de catorce colexios de primaria da provincia de Pontevedra foron seleccionados para participar no presente curso académico 2017-2018 no programa Recíclate con Sogama, que xa alcanza a súa sexta edición.
Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, o seu obxectivo é instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e que os hábitos de segregación do lixo por materiais formen parte da cultura ambiental dos centros a fin de fomentar a reciclaxe na comunidade, alcanzando con isto os beneficios ambientais, económicos e sociais derivados do mesmo.
Ademais do tradicional principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), Sogama pretende ir máis aló e introducir progresivamente nas aulas o denominado criterio multierre, principal expoñente da economía circular, contemplando así o ciclo de vida dos produtos en toda a súa amplitude.
Neste contexto, reducir, reutilizar e reciclar compleméntanse con outras accións tales como repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír e recuperar.
O fin último é que os alumnos aprendan a producir menos refugallos e, unha vez que estes se xeren, sexan capaces de tomar conciencia do gran valor que os mesmos albergan e a súa capacidade para substituír aos cada vez máis limitados e escasos recursos naturais.
Neste marco, Sogama dotará aos centros con illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres colectores de 120 litros de capacidade (amarelo, azul e verde) a fin de que a comunidade educativa poida segregar os seus refugallos, á vez que proporcionará un composteiro a aqueles que conten con servizo de comedor, ademais de horta ou xardín no que utilizar o abono.
Desde o plano divulgativo, a entidade conta cun bo número de recursos para formar a profesores e alumnos como charlas impartidas por educadores especializados, presentacións, guías didácticas, carteis, folletos, vídeos, xogos físicos e xogos en liña, coa particularidade de que efectuará un seguimento pormenorizado das actividades desenvolvidas en todos os colexios para que alumnos e profesores poidan obter o máximo rendemento das mesmas.
De feito, a empresa contempla no seu modus operandi a realización de caracterizacións ou mostraxes dos contedores que conforman as illas para comprobar se a selección do lixo é a axeitada e, de non axustarse esta aos requisitos, poder realizar as correccións e axustes necesarios.
Tamén financiará visitas ao seu complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), onde os interesados poderán comprobar por si mesmos o funcionamento das instalacións que o integran e coñecer de preto o proceso industrial desenvolvido de cara a garantir que os residuos reciban o mellor tratamento posible.
Así mesmo, a sociedade pública prevé convocar premios cos que recoñecerá os mellores proxectos, consistindo os galardóns en vales económicos canxeables por material educativo.
Os colexios participantes serán o CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes, o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón de Salvaterra do Miño o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, o CPI Santa Lucía de Moraña, o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé de As Neves, o CEIP Cabanas e o CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, o CPR Plurilingüe Possumus de Vigo, o CEIP de Abelendo de Moaña, o CEIP de Reibón e o CEIP A Guía de Moaña, o CEP Plurilingüe de Riomaior de Vilaboa, o CPI de Cova Terreña de Baiona e o CEIP Antonio Palacios de Porriño.