A compra do convento de Santa Clara só está pendente da sinatura na notaría

Pontevedra
09 de novembro 2021

O Concello pechou o proceso administrativo para a adquisición de Santa Clara. Tramitados e comprobados todos os documentos requeridos pola entidade local, só restaría a sinatura ante notario para formalizar e pechar a compra

Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo
Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo / Concello de Pontevedra

Santa Clara está só a un par de sinaturas de pasar a formar parte do equipamento do Concello de Pontevedra. O antigo convento pasará a disposición pública nas vindeiras semanas, logo de se formalizar todo o procedemento administrativo requirido para a súa compra.

Segundo informou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, o Concello rematou xa coa tramitación e comprobación de documentos necesarios para proceder coa compra deste futuro espazo público.

O desbloqueo dos 3,2 millóns de euros para poder mercar o antigo convento de Santa Clara tamén será formalizado nas vindeiras horas a través dunha Xunta de Goberno extraordinaria "para así poder proceder co pago á Orde das Clarisas", sinalou Moreda.

"Despois destre trámite irá ao notario e este deberá redactar os documentos perinentes", explicou o edil. "Agora mesmo, xa depende do notario estimar en que momento o Concello asinará a compra, segundo o traballo que lle comporte a realización deste último paso".

Moreda tamén lembrou que continúan avanzando noutros aspectos relacionados con Santa Clara, como os enterramentos situados na zona verde do complexo. Sobre o traslado destes restos, o concelleiro lembrou que é un proceso administrativo tamén longo e un tanto lento, iniciado pola orde das clarisas, que comeza coa petición do cese de enterramentos no lugar.

Após deste paso, é solicitada a clausura do cemiterio e, a partir dese intre, poderá ser realizada a exhumación dos corpos das quince lápidas que hai, se ben a solicitude oficial está referida a entre catro e cinco corpos por lápida. "Hai que entender que a identificación destes corpos só chega ata o ano 1900. Se hai outros corpos, enterrados con anterioridade, non teremos información deles". 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora