A concelleira de Benestar Social acusa o PP de mentir e manipular nas críticas ao Servizo de Axuda no Fogar

Pontevedra
20 de outubro 2013

A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, cre que coas acusacións verquidas polo grupo municipal do PP pretenden lavarlle a cara da Xunta de quen agarda dende maio a resposta para que autorice o incremento de 6.000 horas o servizo. Alega que sen ese permiso, o Concello non pode actuar

A concelleira de Benestar, Carmen Fouces
A concelleira de Benestar, Carmen Fouces

Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra, saíu a responder ás acusacións realizadas polo grupo municipal do Partido Popular sobre o mal funcionamento do Servizo de axuda no Fogar (SAF). Segundo afirma "trátase de mentiras e medias verdades perfectamente manipuladas para lavarlle á cara á Xunta coa que o Concello está á espera, dende o mes de maio, a que lle autorice incrementar en 6.000 horas o servizo, autorización sen a cal o Concello non pode actuar".

Fouces indica que inciou varios expedientes de supervisión do traballo da empresa concesionaria, Clece, debido a que se trata dun servizo moi específico que "ao facturar por horas é necesario o transcurso do tempo. Mentres o Concello exectuaba eses expedientes de supervisión, o PP deulle rango de denuncia ao que é un trámite meramente administrativo e de control por parte da administración".

A concelleira afirma que se enviou unha carta ao Partido Popular para poñer o departamento de Servizos Sociais a súa disposición para que recollesen toda a información que considerasen oportuna e, da mesma forma, informou aos técnicos de Benestar Social do Chalé de Fontoira.

Segundo sinala, ninguén do PP pasou polo edificio a pedir algún dato tanto do SAF como de calquera outro servizo de Benestar Social. A concelleira tamén os insta a que empreguen o servizo de Contratación para obter a información de primeira man e trasladen aos cidadáns a situación na que se atopan os distintos expedientes de revisión abertos a Clece, que segundo apunta Carmen Fouces "sempre se amosou reticente a resover calquera disfunción que se tivera producido na execución do contrato".

A concelleira indica que "probablemente o PP non ten ganas de facer público que os Servizos Sociais do Concello están esperando desde o mes de maio a que a Xunta autorice a aumentar o Servizo de Axuda no Fogar de dependencia en 6.000 horas, xa que é a Xunta a que ten que autorizalas porque as cofinancia". E sinala que a Xunta de Galicia non acusa ao Concello "porque é consciente de que estamos a asumir moito máis do que nos corresponde. Só o PP de Pontevedra ten semellante ocorrencia".