Ponte Sampaio contará cun novo campo de fútbol este ano, segundo as previsións do Concello de Pontevedra. A esta nova instalación súmase a recuperación de 15.000 metros cadrados na zona de ribeira como espazo de lecer, na contorna da praia fluvial.
A Xunta de Goberno local aprobaba a contratación do proxecto por unha cifra que supera os 1.397.120 euros cun prazo de execución da obra de seis meses.
O Concello xa adquiriu terreos de 11.000 metros cadrados próximos ao actual terreo de xogo, que sufría frecuentes inundacións, por 120.000 euros. Nese espazo construiranse as novas instalacións deportivas. O incremento do custo deste campo en relación aos doutras parroquias débese á escavación que hai que acometer e ao recheo posterior da parcela. Ademais, no proxecto inclúese a demolición das bancadas do campo actual.
O novo terreo contará cun campo de herba artificial, no que se poderán disputar catro partidos simultáneos de fútbol-7. Tamén urbanizarase parte da parcela e instalarase iluminación. O terreo de xogo vai axustarse aos parámetros para que sexa executada con nivel Fifa Quality.
A edificación prevista para catro vestiarios para xogadores e dous de árbitros situarase na beira oeste do campo, adaptándose ao terreo e aos muros, con cubertas vexetais. Na zona sur crearanse espazos para público, despachos de billetes e espazos para almacenar material deportivo.