A covid-19 estabilízase na área salvo en Sanxenxo, Poio e Cambados, onde crecen os contaxiados

Pontevedra
12 de novembro 2020

A incidencia da covid-19 na área sanitaria parece estabilizarse, polo menos nos municipios onde está activo o nivel de alerta 3 (vermello) que, unha xornada máis, seguen sendo oito: Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Soutomaior, segundo os datos achegados por Sanidade

Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 12 de novembro
Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 12 de novembro / Servizo Galego de Saúde

A incidencia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece estabilizarse, polo menos nos municipios onde está activo o nivel de alerta 3 (vermello) que, unha xornada máis, seguen sendo oito: Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Soutomaior, segundo os datos achegados por Sanidade.

En Pontevedra, sinala o goberno municipal, os casos activos son 361, o que supón un menos dos contaxiados que había fai apenas 24 horas. 

Á capital da provincia séguelle Marín, onde hai 100 persoas con covid-19, os mesmos que onte. Ademais, outros 233 marinenses atópanse en seguimento por contactar con algún destes positivos.

Vilagarcía, pola súa banda, ten 81 casos activos, un menos que no último balance; mentres que Sanxenxo e Poio son os únicos onde crece esta incidencia, con 69 e 63 casos activos, cinco e dous máis respectivamente, que onte mércores. En Poio, ademais, hai 193 contactos en seguimento.

O Grove, Ribadumia e Soutomaior son os outros tres municipios en máxima alerta.

Cambados e Caldas de Reis, mentres tanto, continúan unha xornada máis situados en  n o nivel de alerta 2 (laranxa). No primeiro deles, os casos activos crecen ata os 63, dous máis.

Municipios como Cuntis, Meis e A Lama seguen con nivel de alerta 1 (amarelo) activo, segundo os datos de incidencia que desvelou  Sanidade. A eles sumáronse Bueu e Vilaboa.

Ao nivel de alerta 0 (verde) baixa Ponte Caldelas (22 casos activos e 60 persoas en seguimento), que se suma a Barro, Meaño, Portas, Vilanova de Arousa (19 casos en total -tres menos-), A Illa de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Moraña.

En todos eles detectáronse menos de sete contaxios na última semana.