A curva non frea na área sanitaria, que pasa a barreira dos 900 casos activos de covid-19

Pontevedra
31 de outubro 2020

Nos hospitais continúa crecendo a presión asistencial. Este sábado hai un total de 60 persoas ingresadas con covid-19 na área sanitaria, dúas máis que o venres a pesar de que en este mesmo período rexistrouse un falecemento dunha persoa que estaba ingresada. Trátase dun home de 72 anos, a vítima número 30 da pandemia 

Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a data 31 de outubro
Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a data 31 de outubro / Sergas

A curva de  contaxios non ten freo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este sábado contabilízanse 52 novos positivos con respecto ao venres e alcánzase un novo récord de casos activos desde o inicio da pandemia, 918. Por primeira vez, pasa a barreira dos 900. 

Segundo o balance oficial realizado polo  Servizo  Galego de  Saúde, este sábado 31 de outubro a área sanitaria ten 19 casos activos máis que o venres e sumou 33 altas de pacientes. Ata o de agora, curáronse na área sanitaria 2.428 pacientes. 

Mentres tanto, nos hospitais continúa crecendo a presión asistencial. Este sábado hai un total de 60 persoas ingresadas con covid-19 na área sanitaria, dúas máis que o venres a pesar de que en este mesmo período rexistrouse un falecemento dunha persoa que estaba ingresada. Trátase dun home de 72 anos que estaba ingresado no Hospital Montecelo e tiña patoloxías previas. Converteuse na vítima número 30 da pandemia na área sanitaria.

Este sábado hai sete pacientes con covid-19 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 53 ingresados en planta de hospitalización. En concreto, 46 no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 5 no Hospital do Salnés. Con respecto ao venres, non hai cambios na UCI e creceron de 3 a 5 os pacientes no Hospital do Salnés. 

Os 858 casos positivos de covid-19 permanecen evolucionando nos seus domicilios

En canto a realización de  PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 850, que se engaden ás 64.679 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria. 

A nivel autonómico, este sábado hai en toda Galicia 8.762 pacientes con infección activa por coronavirus tras confirmarse na última xornada un total de 755 casos por probas  PCR. En total, desde o inicio da pandemia realizáronse 682.669 probas  PCR e 400.580 probas  serológicas.

Segundo os últimos datos oficiais, en Galicia hai 405 pacientes hospitalizados e 69 en unidades de Coidados Intensivos. Ata o de agora, curáronse na comunidade 26.900 pacientes e faleceron 910.