A defensa do condutor do autobús de Pedre: "Con néboa, con choiva, con balsa de auga, salvo un suicida, ninguén vai a 90 km/h"

Pontevedra
09 de novembro 2023

A pasaxeira sobrevivente ratificou no xulgado a súa declaración, coincidente coa do condutor, e asegurou que non circulaba con exceso de velocidade. Un informe da Garda Civil apunta a que circulaba a 90, pero el afirma que ía a 60 ou 70. O seu avogado mantén que a pericia "parte de premisas erróneas" e é "interesada"

Manuel Carpintero, avogado
Manuel Carpintero, avogado / Mónica Patxot

Novos pasos na investigación xudicial do accidente dun autobús en Pedre, en Cerdedo-Cotobade, no que na Noiteboa de 2022 faleceron sete persoas. Este xoves declarou no xulgado Rosario González, unha das dúas sobreviventes do accidente, xunto co condutor mentres a instrución está agora pendente da chegada de informes periciais.

A pasaxeira sobrevivente ratificou no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra a súa declaración anterior, que é coincidente tamén coa versión do condutor. Segundo ambos, non circulaba con exceso de velocidade, senón que o facía con todas as precaucións dadas as condicións climatolóxicas adversas. 

Estas dúas declaracións contradin ao informe sobre o accidente realizado pola Garda Civil, que apunta a que o condutor circulaba pola N-541 con exceso de velocidade, a 90 quilómetros por hora cando a vía estaba limitada a 80. 

A defensa do condutor traballa para desmontar ese informe e o xulgado está agora pendente de recibir dous ou posiblemente tres informes periciais encargados sobre o ocorrido. Buscan "acreditar que este señor dixo a verdade" explicou o seu avogado, Manuel Carpinteiro, que engade que a pericia que achega a Garda Civil "parte de premisas erróneas". Engade a posibilidade de que sexan tamén premisas "interesadas". "Dáme a sensación de que é unha pericia interesada", insiste.

"Neste país, a culpa é sempre do chofer ou do condutor do Alvia", sostivo o avogado en declaracións aos medios de comunicación ás portas dos xulgados da Parda.

 "Neste país, a culpa é sempre do chofer ou do condutor do Alvia"

Na súa opinión, a Garda Civil chega á conclusión de que C.M. circulaba a 90 quilómetros por hora "sen partir de ningún dato obxectivo" e parécelle "moi aventurado" e mesmo "pouco ético" que un político faga esas afirmacións, en alusión ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que foi o que avanzou os datos do informe

O avogado tamén lembra que a sobrevivente tamén coincide coa versión do seu defendido, que ten a condición de investigado por sete delitos de homicidio por imprudencia. "Sería a que tería que ter un resquemor, que tería que ter unha inquina con ese señor. Morreu unha amiga dela, morreu moita xente. Sería a primeira que tería que dicir ía como un tolo" e, con todo, afirma que ía a velocidade adecuada.

Manuel Carpinteiro insiste tamén en que "con néboa, con choiva, con balsa de auga, salvo un suicida, ninguén vai ir a 90 quilómetros por hora". E en que o condutor mantivo desde un principio que había choiva e néboa e un tempo que nin sequera lle permitiu ir a esa velocidade.  Asegura que ía a entre 60 e 70 km/h "e controlando moito porque é un autobús". 

O avogado denuncia que a Garda Civil "parte de premisas erróneas": "Dáme a sensación de que é unha pericia interesada"

O letrado lembra, neste sentido, que diversas asociacións e colectivos xa denunciaran o mal estado da estrada onde se produciu o accidente. De feito, na actualidade existe unha loita tamén a nivel político do coñecido como Pacto de Pedre para conseguir melloras nesa vía e denunciar o seu perigo.   

Respecto diso, insiste en que "non hai máis que ver as declaracións que fai a sobrevivente. Di que no momento que pisou a balsa, aquilo era coma se pisase xeo". Ela sostén "que non ía rápido, nun momento determinado, el dixo 'váiseme o coche'. E, de súpeto, coma se fose sobre xeo".

O condutor ten unha dilatada traxectoria e mesmo un recoñecemento meritorio polo seu labor no transporte internacional e na actualidade volveu a traballar para a mesma compañía, Monbus. Tras un tempo de baixa, déronlle o alta e está de servizo de novo a pesar de que o seu avogado recoñece que ten "mazaduras psicolóxicas" e un trauma polo ocorrido.  

Arquivado en