A demora media en primeiras consultas na área sanitaria aumentou en cinco días respecto a 2020

Pontevedra
20 de maio 2022

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés afirma que melloraron, en cambio, os tempos medios de espera cirúrxicos durante 2021. Desta maneira expón que se rebaixou en 11,7 días o tempo de espera xeral en relación a os datos manexados en 2020. Por hospitais, o tempo medio para ser operado en Montecelo e o Provincial foi de 67,2 e no Hospital do Salnés, de 35,3 días

Intervención cirúrxica Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ofrece os datos de tempo de espera nos diferentes servicios sanitarios recollidos durante o ano 2021.

Segundo expoñen, as cifras en intervencións cirúrxicas ofrecen unha mellora significativa grazas ao apoio no plan de recuperación da actividade asistencial.

A finais de 2021 o tempo medio de espera foi de 62 días, mentres que a finais de 2020 a cifra elevábase a 73,7 días de media. A redución establécese en 11,7 días menos.

Por hospitais, o tempo medio de espera para ser operado no Hospital Montecelo ou no Provincial foi de 67,2; e no Hospital Público do Salnés rebáixase a 35,3 días. A espera media cirúrxica para patoloxías de Prioridade 1 atópase en 11,5 días.

Desde a dirección sanitaria indícase que os datos non resultaron mellores debido á necesidade de asignar quirófanos para pacientes con covid-19; a ocupación de camas de ámbito cirúrxico por parte de pacientes críticos da enfermidade pandémica e non covid, en áreas como reanimación, recuperación, postanestésica e cirurxía maior ambulatoria; e a dificultade de cumprir o plan de autoconcertación polas ausencias de profesionais tanto médicos como de enfermería.

En todo caso, a xerencia subliña o "encomiable e exemplar esforzo da persoal da área cirúrxica; de anestesioloxía e reanimación; e de admisión realizado" ao facer fronte ao contexto epidemiolóxico.

Por servizos, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a área de Dermatoloxía presentou unha media de 28,3 días; Oftalmoloxía, 33,8 días;  Anxioloxía e Cirurxía Vascular, 38,3; e Xinecoloxía con 40 días, son os departamentos cun número de días de espera menor. Pola contra, Traumatoloxía, con 97,7 días é o que máis tarda en intervir.

No Hospital do Salnés, Uroloxía con 17,8 días é o servizo con menor demora media e Oftalmoloxía, con 43,2 días, é o de maior tardanza.

DEMORA EN PRIMEIRAS CONSULTAS

Rexistrouse un incremento da demora media global en primeiras consultas na área sanitaria. O aumento é de cinco días a finais de 2021 respecto ao ano anterior, pasando de 35,2 a 44,6 días. 

Os datos máis destacables nos hospitais públicos de Pontevedra prodúcense en Dermatoloxía, con 64,4 días e Xinecoloxía, con 52,5 días de media. Fronte a estes servizos de maior demora figuran Endocrinoloxía e Cardioloxía, con 9,4 e  9,9 días respectivamente, mentres Obstetricia ofrece 8,6 días de atraso e Oncoloxía Médica, con tan só 3,7 días.

No Salnés, as primeiras consultas suman un maior número de xornadas de espera nos servizos de Traumatoloxía (67,1), Dermatoloxía (62,4) e Uroloxía (53,4). Os de menos son Obstetricia (2 días) e  Anestesiología e Reanimación (2,3).

A explicación deste incremento de tempo en primeiras consultas, segundo o Sergas, encóntrase no "enorme incremento" de consultas en 2021 coa recuperación da actividade fronte ao 2020, ano en que durante varios meses viviuse a situación de confinamento. A dirección tamén xustifica estes datos en que diversas ondas da pandemia obrigaron a manter medidas preventivas entre as que se atopaba a limitación de aforos para evitar aglomeracións.

PROBAS DIAGNÓSTICAS

A demora media en probas diagnósticas mostra que en Radiooxía alcánzanse os 74,1 días mentres que en Endoscopias redúcese a 23,6 días, durante 2021.

En Montecelo e no Provincial espérase 32,7 días de media para realizar un TAC; 18,7 xornadas de media para efectuar unha resonancia magnética e 19,9 para unha endoscopia dixestiva.

No Salnés espéranse 48 días de media para un TAC; 36,7 para unha Resonancia Magnética e 29,6 días para unha endoscopia dixestiva.

Segundo o equipo xerente que lidera José Ramón Gómez, a principal causa que impide uns mellores resultados nesta parcela atópase en que no Servizo de Radiodiagnóstico do Salnés durante todo o ano pasado só traballaron tres facultativos dos seis previstos, "sen posibilidade algunha de cobertura destas ausencias", alegan.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora