A depuradora dos Praceres e o emisario submarino non teñen licenza de actividade

Pontevedra
18 de setembro 2015

O Tribunal Supremo, en sentenza firme, declara a caducidade da concesión da Depuradora dos Praceres e do emisario submarino de condución de verteduras urbanas de Pontevedra, Poio e Marín e residuais de Ence. É unha decisión "irrecurrible"

Rolda de prensa de Salvemos Pontevedra
Rolda de prensa de Salvemos Pontevedra / PontevedraViva

Recoñecen que a súa loita é "quixotesca", pois se enfrontan contra "verdadeiros xigantes", pero isto non amedrenta aos integrantes do colectivo ecoloxista Salvemos Pontevedra na súa cruzada para defender "baixo o amparo da lei" ao territorio de dominio público marítimo-terrestre.

Neste empeño atoparon o apoio da Asociación Vaipolorío, a Federación de Asociacións veciñais Castelao ou a formación política Marea.

Ao longo destes anos, Salvemos Pontevedra logrou importantes vitorias xudiciais e este venres compareceron ante a prensa para dar conta doutra máis: o Tribunal Supremo, en sentenza firme, declara a caducidade da concesión da Depuradora dos Praceres e do emisario submarino de condución de verteduras urbanas de Pontevedra, Poio e Marín e residuais de Ence.

É unha decisión "irrecurrible". Agora esixirán que se execute esta sentenza e que se incoe o expediente para o traslado da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) posto que ningunha destas instalacións "ten concesión administrativa algunha" ou licenza de actividade.

Salvemos Pontevedra tamén recorreu, de novo, contra o expediente de caducidade da concesión de Ence.

Finalmente este colectivo ecoloxista advertiu ao goberno local de Pontevedra dun erro na inscrición rexistral da parcela de Malvar. A leira tería 2.300 metros cadrados pero rexistráronse 5.000, incluíndo terreo de dominio público.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en