'Salvemos Pontevedra' dá dous meses ao Estado para que abra o expediente de caducidade da EDAR de Os Praceres

Pontevedra
22 de outubro 2015

A asociación quere que non pase máis tempo sen que se cumpra a sentenza da Audiencia Nacional, posteriormente confirmada polo Tribunal Supremo, pola que se ordena o cesamento da actividade da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Os Praceres. Solicita a súa execución, posto que xa é firme e non cabe recurso

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres
Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres

A asociación 'Salvemos Pontevedra' quere que non pase máis tempo sen que se cumpra a sentenza da Audiencia Nacional, posteriormente confirmada polo Tribunal Supremo, pola que se ordena o cesamento da actividade da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Os Praceres. Solicita a execución da sentenza, posto que xa é firme e non cabe recurso. 

'Salvemos Pontevedra' insiste en que a Administración do Estado está obrigada a facer cumprir, de modo que entende que a Dirección Xeral de Costas debe incoar o expediente de caducidade no prazo de dous meses, paralizando ata entón calquera actuación que puidese interferir no mesmo.

A sentenza do Supremo desestima o recurso de casación interposto pola Administración Xeral do Estado e ENCE contra a sentenza previa da Audiencia Nacional do ano 2014 e condena ao Estado á "adopción de todas as medidas legalmente contempladas para a paralización das actividades" da EDAR, así como á "suspensión do uso e explotación das instalacións". Condena tamén á administración para incoar o expediente de caducidade da concesión desta actividade á empresa Ence.

Tendo en conta que a EDAR e o emisario submarino de Praceres carecen de permiso para ocupar e realizar as súas actividades industriais (clasificadas molestas, insalubres, nocivas e perigosas) en dominio público marítimo-terrestre, de modo que a asociación empraza ás Administracións Públicas competentes (Concello de Pontevedra, Xunta de Galicia e Ministerio de Medio Ambiente) a que dean cumprimento á sentenza e actúen en consecuencia, procedendo a reparar un despropósito ambiental histórico Ría de Pontevedra.

A asociación pontevedresa considera que algún día a Administración do Estado "terá que explicar o por que da súa conduta permisiva e cómplice cos infractores" e tamén por que presentou recursos de casación reiterados ante sentenzas que condenan usos irregulares e nocivos do dominio público marítimo-terrestre e a súa recuperación para o uso e goce libre e tranquilo dos cidadáns.