A Deputación abre un proceso participativo para elaborar a súa ordenanza de compostaxe

Pontevedra
13 de xuño 2018

Elaborar de maneira participada unha ordenanza provincial sobre compostaxe ao abeiro do Plan Revitaliza. É o obxectivo do trámite que vén de iniciar a Deputación de Pontevedra. Deseñou un proceso participativo aberto ás asociacións máis representativas, organizacións, colectivos e veciñanza interesada en debater e facer achegas a esta normativa

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra

Elaborar de maneira participada unha ordenanza provincial sobre compostaxe ao abeiro do Plan Revitaliza. É o obxectivo do trámite que vén de iniciar a Deputación de Pontevedra. Deseñou un proceso participativo aberto ás asociacións máis representativas, organizacións, colectivos e veciñanza interesada en debater e facer achegas a esta normativa.

Para iso, a Deputación abriu na súa páxina web unha consulta pública para que que se poidan realizar as suxestións correspondentes. Ademais, pediu achegas específicas ás comunidades de montes de Pontevedra, así como a diferentes colectivos ecoloxistas, entre eles Adega, Amigos da Terra, APDR, o Colectivo Ecoloxista do Salnés ou Vaipolorío.

A regulación da compostaxe a través desta ordenanza pretende "poñer luz" na lexislación actual, segundo o vicepresidente César Mosquera, xa que hai normativa que establece que as autoridades ambientais impulsarán a compostaxe individual e comunitaria, pero hai unha "carencia de textos suficientes" que concreten as condicións nas que se deben impulsar. 

O baleiro normativo dura, asegura Mosquera, "moito máis do razoable" e nunca debeu interpretarse "como lamentabelmente se fixo", como a innecesariedade duns mínimos de coñecementos e controis para poder levar adiante a autocompostaxe, "o que deu lugar a experiencias non sempre afortunadas ou que, no mellor dos casos, funcionaron moi por debaixo das súas posibilidades". 

Pola contra, afirma o nacionalista, o Plan Revitaliza está baseado nos "mellores coñecementos e técnicas dispoñibles" e nun estruturado sistema de "esixentes" controis aos que estarán dedicados unha boa parte do articulado da futura normativa. 

Así, coa futura ordenanza preténdese superar disfuncións derivadas da actual normativa e elaborar normas para o seguimento, control e trazabilidade de datos e accións na compostaxe individual e comunitaria.

Tamén se busca garantir a ausencia de riscos potenciais sobre o contorno inmediato, a salubridade e benestar público e privado, superar a "dicotomía" de impulsar algo pero negar ou obviar o correspondente apoio económico necesario ou superar a "contradición" de impulsar as autocompostaxes como principio, ao tempo de entorpecer o seu desenvolvemento por cuestións de supostas ilegalidades ou alegalidades.

O vicepresidente apunta que o momento actual é "relevante" para a redacción da nova ordenanza de autocompostaxe porque en breve se publicará a directiva de biorresiduos e a súa transposición ás lexislacións ambientais dos países membros. 

"Entroncar a actual actividade provincial en residuos do Plan Revitaliza coas novas directrices de actuación da UE e da súa transposición á lexislación española resulta inescusable", apuntou.

Así mesmo, o vicepresidente indica que a necesidade e oportunidade da aprobación está motivada pola necesidade de reducir os custos da xestión dos residuos en zonas rurais e periurbanas polas actuais recollidas centralizadas de lixo, pola necesaria racionalización dos custos de xestión en zonas urbanas a través da eliminación ou redución dos biorresiduos, por previr a xeración destes, eliminar a súa presenza nas recollidas doutras fraccións, e minguar tamén os residuos orgánicos na fracción resto, o que permitiría unha drástica redución da frecuencia de recollida do actual colector verde.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora