A Deputación de Pontevedra vai inxectar outros dous millóns de euros para que os concellos da provincia apliquen a compostaxe como modelo de xestión de lixo.
Así o anunciou o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que se abriu de novo a adhesión ao Plan Revitaliza e a concesión de novas axudas económicas aos gobernos locais debido aos últimos cambios normativos europeos e estatais que obrigarán aos concellos a compostar ou recoller de xeito separado os seus biorresiduos con data límite de 31 de decembro de 2020.
Mosquera explicou que a día de hoxe hai 36 concellos na provincia adheridos ao Plan Revitaliza, dos que seis están a traballar para que toda a súa poboación composte os restos orgánicos da cociña e vexetais -o 53% da bolsa do lixo-, así como outros que tamén levan camiño adiantado.
Apuntou que non estaba nas previsións da Deputación ampliar a convocatoria de adhesión, pero que a raíz dos últimos movementos da Comisión e o Parlamento Europeo, e do borrador da nova lei de residuos, considerouse "oportuno dar o paso" para facilitar aos concellos o cambio e transición nos sistemas de recollida e tratamento.
"Sabemos que vai haber avaliacións e sancións. Pode que haxa certa moratoria, pero no estado hai interese en apurar a norma porque a día de hoxe non se cumpren os obxectivos de separación e reciclaxe", abundou.
Así, o vicepresidente explicou que a Deputación abrirá unha nova convocatoria que vai permitir a novos concellos incorporarse ao plan provincial e recibir axudas para mercar composteiros individuais, comunitarios, maquinaria e outro tipo de material necesario para poñer a andar a compostaxe.
Os novos "concellos Revitaliza", así como os que xa están adheridos pero non teñen dado pasos adiante na compostaxe, poderán optar a subvencións de ata o 70% dos gastos realizados para material se ben, de haber suficientes fondos, as achegas poderán incrementarse ata o 90% do investimento.
O nacionalista sinalou que as bases das axudas aprobaranse nos vindeiros días en Xunta de Goberno e serán publicadas no Boletín da Provincia en breve. Os concellos terán tres meses para presentar as súas solicitudes e despois terán marxe para facer as súas contratacións e xustificacións da subvención.
Os concellos que están adheridos ao Plan Revitaliza, segundo Mosquera, "se apuran, poderán chegar a cumprir a nova normativa de residuos, porque leva o seu tempo. O que non sei é como van cumprir o resto dos concellos da provincia e do Estado que están sen facer nada".