A Deputación aproba destinar 220.000 euros a que os concellos traballen na prevención das violencias machistas

Pontevedra
10 de febreiro 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa última reunón a terceira convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas 

Xunta de Goberno da Deputación Provincial
Xunta de Goberno da Deputación Provincial / Deputación Provincial de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa última reunión a terceira convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas.

O goberno provincial destinará 220.000 euros a esta convocatoria. No 2016 beneficiáronse das achegas 35 concellos da provincia e o ano pasado 50.

Os concellos interesados en optar por esta liña de subvencións terán de prazo para presentar as súas solicitudes 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

A Deputación de Pontevedra subvencionará aqueles concellos que presenten proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista ou aqueles que leven a cabo iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia machista.

Tamén poderán optar á subvención os concellos que teñan desenvolvido proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas da violencia machista e programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades.

Esta liña de subvencións tamén achegará recursos para proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres, para accións encamiñadas á elaboración do Plan Municipal de Igualdade, para aquelas dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación, para actividades de prevención e sensibilización no eido educativo e para campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.