A Deputación aproba medio millón de euros para crear un novo parque na pasarela de José Adrio

Pontevedra
10 de decembro 2021

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno financiar con medio millón de euros o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para abrir ao público e dotar dun novo parque a parcela de 5.500 metros cadrados existente na pasarela de José Adrio Barreiro, entre as rúas da Estrada e As Hortas (nas inmediacións de Santa Teresa de Jesús Jornet)

Nova pasarela en Doce de novembro que será urbanizada
Nova pasarela en Doce de novembro que será urbanizada / Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno financiar con medio millón de euros o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para abrir ao público e dotar dun novo parque a parcela de 5.500 metros cadrados existente na pasarela de José Adrio Barreiro, entre as rúas da Estrada e As Hortas (nas inmediacións de Santa Teresa de Jesús Jornet).

A Deputación asume ao 100% o financiamento desta ambiciosa actuación.

Agora o Concello capitalino xa está en disposición de sacar o proxecto a contratación, previo paso por Xunta de Goberno e obtendo antes a pertinente autorización da Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), que xa está solicitada. 

Esta actuación permitirá darlle continuidade á área recreativa existente na rúa José Adrio Barreiro, dotando a zona Leste da cidade dun amplísimo espazo verde en conexión co do parque Amalia Álvarez e o que se executará no parque da palmeira de Joaquín Costa.

A actuación deseñada para a pasarela sobre o tren dividirase basicamente en tres zonas de intervención lonxitudinais. A primeira é a máis próxima á rúa, en chan de terra, que se converterá nunha zona mixta, verde e con pavimento, destinada esencialmente ao tránsito peonil. 

A segunda é a parte da cuberta do túnel, actualmente en formigón, que pasará a ser unha zona de estar tamén con pavimento mixto (verde e duro), na que se emprazará a meirande parte do mobiliario urbano e que está pensada para paseo e xogo libre.

E finalmente, a terceira é a zona situada entre a lousa do túnel e as medianeiras (fachadas traseiras) dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet, que se manterá ao 100% en terra e que será a principal área verde deste contorno, con arborado (a distancia dos inmobles), xardín, unha fonte e un espazo con auga.