Co gallo da celebración do Día Mundial da Bicicleta que se conmemora este venres 3 de xuño, o departamento de Mobilidade da Deputación vén de anunciar aos concellos da provincia a posta en marcha dun servizo de asesoramento para mellorar a 'ciclabilidade' dos espazos públicos municipais e a súa conectividade.
O novo servizo contará con persoal técnico específico que, segundo explica o deputado Uxío Benítez, nestes momentos ten nas súas mans varios estudos que amosan moitas eivas para a circulación en bicicleta sobre todo nas conexións entre os núcleos urbanos e as zonas máis diseminadas próximas a estas.
Dende o departamento de Mobilidade da Deputación quérese deixar claro que hai diferencias entre falar dun espazo 'ciclable', que ten a propiedade de ser usado por parte de bicicletas, fronte a falar de 'infraestruturas ciclistas'. Descata o deputado Benítez que nas vilas de menos de 50.000 habitantes "falar de carrís-bici non debe ser a solución máis acaída para fomentar o uso da bicicleta", senón que é preciso que todas as intervencións dos concellos no espazo público deben encamiñarse facer benvido o uso da bicicleta, fomentando a mobilidade activa non só a pé.
Os datos reflicten que hai un 30% de poboación da provincia que reside a menos dun quilómetro e medio deses núcleos urbanos, e a día de hoxe é impensable para esa poboación polas características do espazo público vaia andando ata o centro.
Para evitar o uso do coche, e ante as mencionadas reticencias para ir a pé ata segundo que zonas, quérese potenciar a bicicleta. A intención é salvar as dificultades actuais e facer dispoñible o espazo público, con vías ou camiños municipais que permitan que se poida utilizar a bici, unha alternativa que moitas persoas usarían para determinadas accións diarias e na fin de semana, pero "sobre todo para crianzas e adolescentes".
Dende o departamento de Mobilidade ínstase aos concellos a estudar con calma os aspectos sociolóxicos dos barrios e as contornas nas que se vai actuar.