A Deputación axudará aos concellos a adaptar as súas ordenanzas e implantar taxas que graven a xeración de residuos

Pontevedra
10 de febreiro 2022

Éxito da reunión sobre o novo marco normativo de residuos e as axudas propostas pola Deputación para cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados para 2025

Reunión con 50 concellos da provincia para falar do novo marco normativo dos residuos
Reunión con 50 concellos da provincia para falar do novo marco normativo dos residuos / Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, mantivo este mércores unha reunión con representantes municipais de 50 concellos da provincia para falar do novo marco normativo dos residuos e as súas implicacións para os gobernos locais. 

Mosquera advertiu que, ante o novo marco normativo, os concellos da provincia deberán corrixir as súas ordenanzas de residuos e implantar taxas que graven o pago por xeración. 

Nesta xuntanza os representantes municipais trasladaron a súa preocupación polo cambio que xa está en marcha e que obrigan ás administracións locais, baixo ameaza de sanción, a cumprir os obxectivos de reciclaxe, tendo como primeira data 2025 para reciclar o 55% dos residuos.

César Mosquera subliñou que ningunha das novas normativas, nin a transposición da directiva europea, nin a nova lei estatal nin a autonómica prevén achegas económicas, senón que todas están baseadas no principio de "quen contamina paga", cargando a financiación do sistema nas taxas sobre os produtores dos residuos. De aí a necesidade de corrixir as ordenanzas municipais establecendo diferentes escalas nas taxas. 

A nova lei insiste expresamente en que hai que aproximarse ao pago por xeración: quen máis residuos xera debe pagar máis.

Mosquera anunciou que a Deputación vai poñer axudas a disposición dos gobernos locais "que queiran cumprir cos obxectivos, coa normativa a legalidade, o planeta, o medio ambiente, e con todos os obxectivos que son irrenunciables".

O Plan Revitaliza, segundo sinalou o vicepresidente, vai conceder axudas económicas para realizar os investimentos necesarios, pero advertiu que se van realizar inspeccións para que realmente os cartos se destinen a obter resultados e cumprir os obxectivos de reciclaxe. Tamén axudará na redacción de novas ordenanzas municipais conforme á normativa, así como na xestión da obtención e transmisión de información sobre os residuos locais á Xunta.

Mosquera confirmou tamén que, fronte as eivas de recursos humanos dos concellos, a Deputación vai impulsar un servizo provincial de inspección e control de residuos para cumprir outra das esixencias da nova lei. A alternativa para os municipios, lembrou, é facer a inspección por si mesmos a través da Policía Local ou doutro persoal funcionario de carreira propio.

Co fin de concretar todas as iniciativas e facer unha valoración económica e de recursos humanos que a Deputación precisa para axudar aos concellos, os representantes municipais comprometéronse a concretar nos vindeiros días a súa adhesión á proposta provincial.